DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tanto as solicitudes de praza como as renovacións poden presentarse no centro ata o 23 de marzo

A Escola Infantil do campus abre o prazo de preinscrición

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
DUVI 27/02/2015

Con prazas reservadas para os membros da comunidade universitaria, pero aberta tamén aos nenos e nenas de Pontevedra, na Escola Infantil do campus chegou o momento de comezar a falar xa do curso 2015/2016, posto que esta semana vén de abrirse o período de preinscrición para aqueles e aquelas que queiran incorporar o vindeiro mes de setembro aos seus fillos e fillas a este centro. Tanto as solicitudes de novas incorporacións como a documentación necesaria para a renovación de matrícula, no caso dos cativos que xa acoden actualmente a esta escola, poden presentarse no centro desde esta semana e ata o vindeiro luns 23 de marzo.

Cun total de 58 prazas para nenos e nenas de entre 0 e 3 anos contará o vindeiro curso esta Escola Infantil, segundo explica a súa directora, Ángeles Rodríguez, que apunta que está previsto que o centro dispoña en 2015/2016 dun total de 25 prazas para novos alumnos e alumnas, aínda que a cifra final pode aumentar se non se os actuais usuarios non renovasen matrícula para o vindeiro curso. “Salvo que se produza algunha vacante máis”, engade, a escola disporá o vindeiro curso de catro prazas de novo ingreso na súa aula para menores dun ano, outras catro para cativos de 1 a 2 anos e 14 para nenos e nenas de entre 2 o 3 anos.

Unha parte resérvase para a comunidade universitaria

Do total de novas prazas dispoñibles, resérvase unha cota para profesorado, persoal de administración e servizos e alumnado da Universidade, mentres que o resto serán ocupadas por nenos e nenas empadroados no Concello de Pontevedra. Unha vez rematado este período de preinscrición, será un “baremo de puntos”, explica Rodríguez, o que determine que nenos e nenas se incorporarán o vindeiro curso a esta escola, que deberán ser matriculados no mes de xullo. Por outra banda, no caso de non esgotarse as prazas reservadas á comunidade universitaria, estas serán asignadas en setembro aos cativos que se atopen na lista de agarda.

As persoas interesadas tanto en renovar a matrícula como en solicitar praza para o vindeiro curso poderán recoller no centro o formulario que deberán posteriormente entregar, xunto coa documentación requirida, nas propias dependencias da Escola Infantil, en horario de 8.30 a 15.30 horas, de luns a venres. Segundo apunta Rodríguez, nesta solicitude, pais e nais deberán especificar tamén en que horario desexarían que permanecesen os seus fillos nun centro que se mantén en funcionamento entre as 7.30 e as 20.00 horas e no que os cativos poden ser matriculados para un mínimo de tres horas diarias e un máximo de oito.