DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os membros da comunidade universitaria teñen prioridade na concesión

A escola infantil do campus abre o prazo para solicitar unha das súas 41 prazas

As solicitudes poden presentarse ata o 8 de abril

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Institucional
DUVI Ourense 14/03/2022

A Escola Infantil Concepción Saiz Otero do campus de Ourense abre o prazo para solicitar unha das súas 41 prazas para o curso 2022/2023. Á convocatoria poden presentarse membros da comunidade universitaria, que terán preferencia na concesión e condicións vantaxosas, pero tamén residentes e traballadores da cidade que non teñan vinculación coa institución académica. As solicitudes, tanto de renovación como de adxudicación de nova praza, poderán presentarse ata o día 8 de abril de 2022 a través da sede electrónica da Universidade de Vigo.

As 41 prazas convocadas son tanto de renovación como de nova adxudicación. Distribúense segundo a idade do alumnado, ofertándose oito prazas para nenos e nenas de ata un ano; 13 para o tramo de un a dous anos e 20 prazas para os de dous a tres anos. O número de prazas é o que establece a normativa da Xunta de Galicia en función da superficie das aulas, polo que as vacantes que se poidan producir en calquera dos grupos de idade non dará lugar ao incremento correlativo do número de prazas noutro. Son requisitos imprescindibles para ser beneficiario ou beneficiaria dunha praza neste centro que a ou o menor estea nado no momento da presentación da solicitude ou que teña unha idade mínima de tres meses no inicio do curso escolar 2022/23 e que non teña cumpridos os tres anos de idade ao 31 de decembro de 2022.

Orde de concesión

Segundo establece a convocatoria, os usuarios da Escola Infantil durante o curso académico 2021/22 poderán solicitar a renovación da praza sempre e cando continúen cumprindo as condicións da convocatoria. Unha vez renovadas as prazas, poderán optar á adxudicación dunha praza por primeira vez os pais ou nais que sexan membros da comunidade universitaria da Universidade de Vigo: traballadores en servizo activo, en excedencia para coidado de fillos e fillas ou de familiares ou en servizos especiais (profesorado e persoal de administración e servizos, persoal de investigación, persoal contratado con cargo a proxectos e convenios e alumnado de titulacións oficiais con fillos ata os 3 anos). En caso de quedar vacantes, poderán ser ocupadas por outros familiares dos membros da comunidade universitaria: netos, netas, sobriños e sobriñas das traballadoras e traballadores en activo ou xubilados da Universidade de Vigo. En caso de quedar aínda prazas, poderán beneficiarse do servizo as persoas residentes ou que traballan na cidade de Ourense e que teñen menores ao seu cargo.

Horarios e prezos

A escola infantil ourensá está previsto que comece a súa actividade o vindeiro curso o 1 de setembro. O centro funcionará durante once meses, de setembro a xullo, ambos incluídos. O horario lectivo será de luns a venres, podendo escoller escolaridade completa, que é de 10.00 a 13.00 h e de 15.30 a 18.00 h; xornada de mañá, de 08.00 a 15.00 h; media xornada de mañá, de 09.00 a 13.00 h, ou media xornada de tarde, de 15.00 a 20.00 h. Ofrécese tamén a posibilidade de solicitar unha hora a maiores de acollida e/ou permanencia. Os prezos oscilan segundo os servizos contratados e segundo o colectivo de pertenza. De xeito orientativo, os membros da comunidade universitaria pagarán de matrícula (inscrición, material e seguro) 115 euros; 165 euros de escolaridade completa ou xornada de mañá e 110 euros de comedor. No resto de casos, a matrícula é de 135 euros; a escolaridade completa ou de mañá é de 180 euros e o comedor de 125 euros.