DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con máis de 2000 metros cadrados, ofertará 82 prazas

A Escola Infantil do campus de Vigo adxudicarase tras o verán

Aprobouse o cambio de uso de dúas parcelas, pero polo momento non están proxectadas máis infraestrut

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 31/03/2011
A piques de aprobarse o Estudo de Detalle para modificar o planeamento e cambiar os usos da parcela e tras o visto bo da Xerencia de Urbanismo de Vigo, a Universidade comeza xa a marcarse prazos para a futura escola infantil do campus de Vigo. Segundo explica o vicerreitor de Economía e Planificación, José Manuel García Vázquez, a previsión é que no mes de setembro “se poida adxudicar a obra” para unha infraestrutura necesaria tanto para a comunidade universitaria como para a contorna do campus. A gardería, de 2034 metros cadrados construídos e 1655 útiles, ofrecerá un total de 82 prazas para cativos distribuídas en tres grupos (0-1, 1-2 e 2-3 anos). Situada na zona norte do campus vigués, preto da Facultade de Filoloxía e Tradución, construirase orientada ao sur e constará de dous andares pensados para tender unha ponte entre a natureza e as instalacións, inseríndose nesta zona verde na procura de sinerxías que permitan aos nenos e nenas gozar dunha educación en consonancia cunha contorna privilexia rodeada de natureza.

Ademais, este novo servizo permitirá á Universidade de Vigo seguir avanzando no eido da conciliación da vida laboral e familiar dos membros da comunidade, tanto traballadores como alumnado. Así, o 75% das prazas estarán reservadas para eles, mentres que o restante 25% será para os veciños dos núcleos de poboación lindeiros, cunha carencia deste tipo de servizos.

Unha ecoescola

A futura escola infantil viguesa está proxectada como un centro eficiente enerxeticamente, respectuoso co medio ambiente. Para iso ademais da enerxía solar, empregará un sistema de calefacción a través dunha caldeira biomasa, que permite asegurar un nivel de emisións cero.

A planta baixa disporá dun aparcadoiro cuberto de arredor de 650 m2 que facilitará ás familias o acceso ao centro e dun pequeno patio, así como vestíbulos e outras instalacións. No segundo andar ubicaranse as aulas, os comedores e cociña, a sala de profesores, o almacén e os vestiarios, así como as instalacións básicas da escola. A idea deste proxecto, obra do arquitecto Xosé Carlos Rodríguez, é ofrecer a cativos e educadores as máximas facilidades para pasar dun espazo a outro, do interior ao exterior, das aulas aos espazos de xogos permitindo así que o labor educador podida facerse coa maior comodidade posible cun lugar para cada momento e función.

Proceso de tramitación

Tras pasar pola Xerencia de Urbanismo, a tramitación do proxecto atópase na fase de exposición pública do Estudo de Detalle. Unha vez aprobado este definitivamente tan só resta que lle sexa outorgada a licenza de obra á Universidade para dar paso ao proceso de licitación, “estando previsto que sexa adxudica a obra no mes de setembro”, apunta o vicerreitor de Economía e Planificación.

Para poder dar luz verde a este proxecto a Universidade tivo que cambiar o uso que o Plan Xeral lle outorgaba a esta parcela, para o que foi preciso o devandito Estudo de Detalle, levado a Xerencia de Urbanismo o pasado 17 de marzo. Segundo explica o vicerreitor, “o uso que o Plan Xeral determinaba para a parcela na que se quere construír a escola era ‘residencial non permanente, polo que se fixo necesario modificar o planeamento e cambiar usos, aliñacións e rasantes”. Así, a modificación puntual realizada permuta o uso de dúas parcelas, de modo que a que tiña uso residencial pasa a ser para gardería e viceversa. Deste xeito a Universidade tan só pedirá licenza para execución da escola infantil, non estando prevista a construción de vivendas, pero quedando xa aprobado de cara ao futuro o cambio de uso do solo.