DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O velorio do loro pecha unha semana de actividades vinculadas ao carnaval

A Escola Infantil despide o Entroido de loito por Ravachol

O período de preinscrición no centro para o curso que vén permanece aberto ata o día 21

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI 07/03/2014

De rigoroso negro acudiron nesta xornada ao centro boa parte dos nenos e nenas da Escola Infantil do campus, que este venres despedían unha semana de actividade vinculada ao Entroido cunha festa dedicada ao loro Ravachol, un dos personaxes máis populares do carnaval pontevedrés. E aínda que non houbo lugar a un enterro propiamente dito, xa que o loro que os propios cativos elaboraron continúa pendurado nunha das paredes do centro, si houbo tempo para un orixinal velorio, no que os máis novos bailaron e xogaron en compaña do profesorado da escola, tamén de negro neste final do Entroido.

“Durante toda a semana organizamos diferentes actividades coa idea de achegar aos nenos ás tradicións destas festas. Decoramos o centro con motivos do Entroido para que saiban en que época do ano estamos e vivan un pouco o ambiente do carnaval e vámoslles contando un pouco en que consisten estas festas”, destaca a directora do centro, Ángeles Rodríguez, que recoñece que “os nenos pasárono en grande”.

Filloas, orellas e tres días de disfraces

Esta semana de celebración comezou o pasado luns cun obradoiro de sobremesas. Empregando fariña e auga, os máis cativos afanáronse nesta xornada en elaborar a masa das filloas e das orellas, para logo degustar estas sobremesas “grazas á colaboración de pais e nais aos que pedimos que trouxeran filloas e orellas para que os cativos puidesen ver que en que se converte a súa masa na cociña”.

Ao día seguinte, martes de Entroido, tanto os máis novos como o profesorado da Escola Infantil retornaron ao centro disfrazados de marcianos, cun traxe que tiña como elemento central unha bolsa de lixo que os propios nenos e nenas decoraran nas aulas. O xoves, o carnaval continuou sendo protagonista cunha festa de disfraces na que a temática xa era libre e, por último, este venres, convidouse aos pais e nais a vestir de loito aos cativos para poñer peche ao Entroido na escola e despedir, sen ningún tipo de dramatismo, ao loro Ravachol.

O momento de solicitar praza para o vindeiro curso

Ata o vindeiro venres 21 de marzo permanece aberto o prazo de preinscrición de cara ao curso 2014/2015, tanto para novos alumnos e alumnas como para a renovación da matrícula dos que xa acoden ao centro do campus. Para formalizar este trámite, os pais e nais deberán achegar ao centro, xunto coa documentación requirida, o formulario que poderán obter tanto na propia escola como na web da Rede de Escolas Infantís de Galicia. Segundo explica Ángeles Rodríguez, nesta solicitude pais e nais deberán especificar tamén en que horario desexarían que permanecesen os seus fillos nun centro que abre as súas portas de 7.30 a 17.00 horas e no que se pode solicitar un mínimo de tres horas diarias e un máximo de oito.

Unha vez rematado este prazo, será un “baremo de puntos”, como explica Rodríguez, o que determine que nenos e nenas ocuparán a partir de setembro as vacantes nesta escola con capacidade para preto de 60 cativos, na que se reserva cada curso un determinado número de prazas para o profesorado e o alumnado do campus. Concretamente, das 24 prazas libres que se ofertan de cara o mes de setembro, un total de 13 están destinadas aos fillos e fillas de docentes e estudantes, mentres que ao resto poderán optar as persoas empadroadas no Concello de Pontevedra.