DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O centro do campus pecha unha semana de actividades relacionadas co carnaval

A Escola Infantil di adeus ao entroido velando a Ravachol

Previamente, nenos e nenas participaron en festas de disfraces e nun obradoiro de sobremesas

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
DUVI 20/02/2015

Aínda que o famoso loro continúa pendurado das paredes da Escola Infantil do campus, aos nenos e nenas deste centro do campus correspondeulles este venres dicir adeus á personaxe máis popular do entroido pontevedrés e a toda unha semana de actividades vinculadas con estes festexos. Tanto gran parte do alumnado, como o profesorado da escola, acudiu nesta xornada ao centro cos seus traxes de loito, dispostos a despedir a Ravachol nunha mañá que, como era mester, tivo moito máis de celebración que de velorio e na que non faltaron nin a música nin as sobremesas máis típicas destas datas.

“Con esta actividade damos por acabado o entroido, polo que lle pedimos a pais e nais que trouxeran aos nenos vestidos como viúvas e viuvos”, apunta a directora do centro, Ángeles Rodríguez, que incide así mesmo en que na celebración deste venres non pasaba por dar enterro ao loro que os propios nenos “elaboraron na clase, pintando e pegándolle as plumas de cores a unha silueta que fixemos nós”, senón por “explicarlles que o Ravachol marcha porque terminan estas festas, pero que volverá o ano que vén”.

Unha semana de disfraces

Con esta festa, o centro do campus despide a “semana grande do entroido na escola”, que se abriu o pasado luns cunha primeira festa de disfraces de temática libre, mais previamente no centro xa se viñan desenvolvendo diferentes actividades vinculadas con esta celebración, como apunta Rodríguez, que relata que, nas xornadas previas, “estivemos elaborando o Ravachol e decoramos o centro coas máscaras que pintaron os propios nenos”.

Xa o martes do entroido, tivo lugar unha segunda xornada de festa, á que cativos e profesoras acudiron cuns disfraces de paiaso que foron elaborados decorando unha bolsa de lixo. “A semana anterior fixemos un obradoiro cos pais e nais coa idea de que fosen eles os que fixesen o disfrace dos seus nenos, pegándolles á bolsa diferentes adornos a modo de decoración segundo os modelos que nós lles puxemos”, relata Rodríguez dunha iniciativa coa que a escola buscaba implicar ás familias no día a día do centro. “Queremos involucralos cada vez máis nas actividades, porque eles son tamén parte da escola”, destaca a súa directora. Todos uniformados, os nenos e nenas de maior idade participaron ese martes de carnaval nun orixinal “pasarrúas” polo campus, que percorreron acompañados das súas profesoras para logo continuar á celebración na propia escola.

Xa este xoves, a escola acolleu un “obradoiro de orellas”, no que, con fariña e auga, nenos e nenas prepararon a masa desta típica sobremesa, “que logo levamos á cociña para que puidesen probar o que fixeron”, relata Rodríguez. Aínda que realmente o que os cativos viron na mesa minutos despois eran as orellas que pais e nais achegaran á escola e que tamén formaron parte do menú da despedida ao entroido deste venres.