DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O centro viviu unha tarde de festa coa participación de nais e pais

A Escola Infantil mergúllase de cheo no Nadal coa visita de Papa Noel

A celebración completouse cunha merenda e unha actuación musical

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
DUVI 18/12/2014

Levaban días escoitando falar nas aulas do Nadal e das súas tradicións, escoitando panxoliñas e decorando a tradicional árbore, mais todos estes preparativos non evitaron que os nenos e nenas da Escola Infantil do campus se levasen unha gran sorpresa cando viron entrar na súa aula a un ilustre visitante. Nin máis nin menos que a Papa Noel, que non faltou á festa que o persoal educativo do centro organizou na tarde deste xoves co obxectivo de que os máis novos puidesen gozar cos seus pais e nais dunha tarde de diversión, na que non faltou a música nin tampouco o momento para degustar as típicas sobremesas destas datas.

Como salienta a directora do centro, Ángeles Rodríguez, xa é tradición que, uns días antes do Nadal, nenos e maiores poidan gozar conxuntamente dunha celebración para a que as responsables do centro contaron de novo coa colaboración de pais e nais, que achegaron as diferentes sobremesas que conformaron a merenda que nesta celebración se ofreceu aos presentes no propio centro. Mais, unha vez chegado o momento da festa, o papel que debían de xogar pais e nais, avós e avoas, non era outro que o de gozar cos seus fillos e fillas. “Os nenos están entusiasmados coa visita de Papa Noel, polo que é un momento bonito que poden compartir cos seus familiares”, resaltou Rodríguez.

Despois de que Papa Noel visitase as diferentes aulas do centro para agasallar a cada cativo cunhas lambetadas, chegou o momento de reunirse na entrada do centro e gozar dunha merenda e da actuación musical de Juan El Pequeño, que animou a cativos e maiores a bailar e dar palmas. Por se todo isto fose pouco, o peche á celebración púxoa a interpretación conxunta dunha panxoliña á que as profesoras do centro mudaron a letra habitual para convertela “nunha canción relacionada coa escola”, como explica a súa directora.

Moita celebración por diante para os máis pequenos do campus

Estes festexos son desde hai unhas semanas o eixo central da actividade neste centro do campus, como relata Rodríguez. “Levamos todo o mes con actividades relacionadas co Nadal e os nenos tamén axudaron a decorar a árbore, poñendo a palma da súa man nunha cartolina, que logo recortamos e decoramos para que parecese un reno”, explica a directora da escola. Mais, as actividades arredor destas festas non remataron coa celebración desta tarde, posto que a escola permanece aberta nos próximos días, coa excepción de datas sinaladas como o 24 e 25 de decembro e os días de fin de ano e aninovo. De feito, para o vindeiro martes 23 prepárase unha segunda festa de Nadal, desta volta dirixida só ao alumnado do centro, mentres que o día 30 tocará festexar por adiantado a noitevella, cunha festa na que os máis novos acudirán coas súas mellores galas a gozar das badaladas e dunha chocolatada.