DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os membros da comunidade universitaria teñen prioridade na concesión

A escola infantil oferta 41 prazas para o vindeiro curso académico

As solicitudes poden presentarse ata o 21 de abril

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Institucional
DUVI Ourense 19/04/2023

A Escola Infantil Concepción Saiz Otero do campus de Ourense ten aberto o prazo para solicitar unha das súas 41 prazas para o curso 2023/2024. Á convocatoria poden presentarse membros da comunidade universitaria, que terán preferencia na concesión e condicións vantaxosas, pero tamén persoas residentes e traballadoras da cidade. As solicitudes, tanto de renovación como de adxudicación de nova praza, poderán presentarse ata o día 21 de abril a través da sede electrónica da Universidade de Vigo.

As 41 prazas convocadas son tanto de renovación como de nova adxudicación. Distribúense segundo a idade do alumnado, ofertándose oito prazas para nenos e nenas de ata un ano; 13 para o tramo de un a dous anos e 20 prazas para os de dous a tres anos. O número de prazas é o que establece a normativa da Xunta de Galicia en función da superficie das aulas, polo que as vacantes que se poidan producir en calquera dos grupos de idade non dará lugar ao incremento correlativo do número de prazas noutro. Son requisitos imprescindibles para ser beneficiario ou beneficiaria dunha praza neste centro que a ou o menor estea nado no momento da presentación da solicitude ou que teña unha idade mínima de tres meses no inicio do curso escolar 2023/24 e que non teña cumpridos os tres anos de idade ao 31 de decembro de 2023.

Horarios, prezos e colectivos

Segundo establece a convocatoria, os usuarios da Escola Infantil durante o curso académico 2022/23 poderán solicitar a renovación da praza sempre e cando continúen cumprindo as condicións da convocatoria. Unha vez renovadas as prazas, poderán optar á adxudicación dunha praza por primeira vez os pais ou nais que sexan membros da comunidade universitaria da Universidade de Vigo (persoal docente e investigador, incluído o persoal contratado con cargo a proxectos ou convenios, o persoal de administración e servizos e estudantado matriculado en titulacións oficiais da UVigo durante o curso académico 2022/23). En caso de quedar vacantes, poderán ser ocupadas por outros familiares dos membros da comunidade universitaria: netos, netas, sobriños e sobriñas de estudantes de titulacións oficiais, das traballadoras e traballadores en activo ou de xubiladas e xubilados da Universidade de Vigo. En caso de quedar aínda prazas, poderán beneficiarse do servizo as persoas residentes ou que traballan na cidade de Ourense e que teñen menores ao seu cargo.

A escola infantil ourensá está previsto que comece a súa actividade o vindeiro curso o 1 de setembro. O centro funcionará durante once meses, de setembro a xullo, ambos incluídos. O horario lectivo será de luns a venres, podendo escoller escolaridade completa, que é de 10.00 a 13.00 h e de 15.30 a 18.00 h; xornada de mañá, de 08.00 a 15.00 h; media xornada de mañá, de 09.00 a 13.00 h, ou media xornada de tarde, de 15.00 a 20.00 h. Ofrécese tamén a posibilidade de solicitar unha hora a maiores de acollida e/ou permanencia. Esta escola forma parte do programa de gratuidade no primeiro ciclo de educación infantil da Xunta de Galicia.