DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cun concerto enmarcado nas actividades da Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio

A Escola de Naval Militar recibe o Nadal con música

As panxoliñas tamén estiveron presentes na actuación que o coro do campus realizou no Museo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
DUVI 22/12/2017

As pezas clásicas, as marchas militares, os pasodobres ou as habaneiras compartiron protagonismo coas inevitables panxoliñas no tradicional concerto que, nestas datas previas ao Nadal, achega a Pontevedra á Unidade de Música da Escola Naval Militar. Esta actividade enmarcada na Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio, que a institución con sede en Marín desenvolve xunto coa Universidade de Vigo, encheu un ano máis o auditorio da sede de Afundación na cidade, a onde a formación conformada por 49 instrumentistas de madeira, metal e percusión, quixo felicitar o Nadal a través da música, como tamén fixeron as e os integrantes do Coro do Campus de Pontevedra, que na noite do xoves achegaron as panxoliñas ata o Sexto Edificio do Museo.

Na sede de Afundación, ata onde se achegaron representantes da Escola Naval e da Universidade, así como de institucións e colectivos sociais de Marín e Pontevedra, a formación que lidera o comandante músico Francisco García Hurtado iniciou a súa actuación ao ritmo dun pasodobre composto polo seu director, para logo centrarse en marchas como Marinos por la paz e Pompas y circunstancias. A partires de aí, chegou o momento de abordar as tradicionais panxoliñas e achegarse a compositores clásicos como Schubert, para logo interpretar tamén a Habanera de Francisco Grau e unha polka de Johann Strauss. Tras un segundo bloque dedicado ás panxoliñas, a formación da Escola Naval Militar retornou de novo á música clásica e as marchas militares, para logo recuperar un fragmento da opera O Principe Igor, de Aleksandr Borodin, dar conta do pasodobre Soy español, e interpretar unha das sinfonías de Antonín Dvorak, nunha actuación que, trala marcha Las corsarias, pechouse coa Felicitación navideña de J. Verea.

A Unidade de Música

Fundada en San Fernando, Cádiz, en 1940, tres anos antes do traslado da Escola Naval Militar a Marín, a Unidade de Música que dirixe García Hurtado e compoñen 49 instrumentistas acumula unha longa serie de actuacións ao longo da súa historia, entre as que destacan as realizadas no festivais de música militar de Valladolid, Barcelona ou Madrid. A súa actividade responde por unha banda ás necesidades marcadas polo réxime interior da escola, como a rendición de honras, as paradas militares, despedidas de buques, recepcións a autoridades e a realización de concertos didácticos para a dotación. Pero as súas actuacións abranguen tamén un segundo apartado, que abrangue os concertos realizados fóra da Escola Naval, tanto en actos de índole castrense como civil, a súa participación en procesións ou as súas actuacións para diferentes colectivos. De feito, ademais de en Pontevedra, a Unidade de Música celebrou tamén nestes días este concerto de Nadal en Marín, ao tempo que levou a cabo varias actuacións en residencias e centros educativos da súa contorna.

As voces do coro alzáronse no Museo

Nestas datas marcadas por actuacións musicais como o concerto promovido pola Vicerreitoría do campus que na noite deste venres ofrecerá no Teatro Principal a formación de música antiga Capela Compostelana, o Coro do Campus de Pontevedra levou a cabo, tamén na noite do xoves, o seu primeiro concerto en solitario. A formación que dirixe o profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Marco Lucato interpretou no vestíbulo do Sexto Edificio do Museo un variado repertorio, que abriron cancións renacentistas e barrocas e pecharon unha escolma de panxoliñas e cancións centradas nestas datas de Nadal. Un total de 13 pezas integraron o programa ofrecido por esta formación nunha actuación na que tamén houbo espazo para achegar ao terreo da música vocal composicións de Leonard Cohen ou Eric Clapton e para achegarse ao gospel, aos cantos de arrolo ou as bandas sonoras.