DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Román Padín, crítico de arte e moda:

“A Escola Superior de Deseño Téxtil e Moda de Galicia é brillante e o ensino de creadoras como Charo Froján, de D-Due, é magnífico”

Participou na cuarta sesión do ciclo “Os Xoves de Moda” na Casa das Campás

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 18/04/2008

Licenciado en Dereito e co MBA (Master in Business Administration), o pontevedrés Román Padín é un claro exemplo de como o amor pola arte pode superar barreiras que, as veces, parecen insalvables. Criado no seo dunha familia propietaria dunha conserveira, deixou fai dez anos o seu traballo na empresa para dedicarse á súa verdadeira vocación, a arte, precisamente a que o levou a ser un recoñecido crítico de moda que colabora con distintos medios de prensa escrita como o Correo Gallego, Faro de Vigo, Art Notes ou Serendipia. Román Padín participou na cuarta sesión do ciclo Os Xoves de Moda que organiza a Escola Superior de Deseño Téxtil e Moda de Galicia, Esdemga, cunha conferencia titulada Fashioning art na que repasou as orixes do actual sistema a partir do II Imperio Francés e afondou nas influencias da historia da arte nas campañas publicitarias de grandes marcas como Chanel, Versace ou Dior.

Sen dúbida é unha referencia a seguir para todos aqueles que se queren dedicar ao eido do deseño. Pero como un avogado que traballaba na empresa familiar chega a ser crítico de arte e de moda?
Dende pequeno teño unha actividade paralela aos meus estudos académicos. Mentres viaxaba por motivos de formación ou traballo no eido da empresa, tiña unha actividade preferida: visitar exposicións coas bolsas de Prada, Thierry Mugler ou Chanel das prendas que viña de mercar, ou tamén ir de compras a Dior, Montana ou Blahnik cos catálogos das exposición que acababa de visitar. Cando tiven a oportunidade troquei a empresa pola moda e a arte, os meus pais eran coleccionistas e eles achegáronme aos galeristas e, por medio de Alfredo Conde, cheguei ao Correo Gallego. Desde ese intre unha cousa levou á outra, foi unha evolución satisfactoria dun labor parece que ben feito, xa que no eido da arte vese que teño unha opinión fundada, subxectiva e interesante e o que fago é ofrecer a miña experiencia vital cosmopolita a través da prensa escrita.

Houbo algún feito en concreto que axudara a dar ese gran paso ao mundo da moda?
No eido da moda, dende neno lembro a miña nai facendo roupa de costura en Santa Eulalia en Barcelona e mercando en París. Cando estudaba en Estados Unidos, a colección de xoias de Paloma Picasso para Tiffeny foi unha revelación e viaxei a Nova York a mercar unhas das súas pezas e desde entón teño fascinación por ela. No final dos oitenta, unha fotografía de Djimon cun traxe de Mugler levoume á capital francesa para mercalo e, a partir de aí, sigo con paixón a ese creador e a outros como Carlos Díaz ou Miriam Ocáriz.

Actualmente escribe e colabora con xornais como o Correo Gallego ou o Faro de Vigo, entre moitas outras publicacións, pero a súa especialidade é a fotografía de moda, non?
Estou interesado polas creacións de universos singulares, na colaboración de fotógrafos con couturiers como, por exemplo, Herb Ritts con Versace, Avedon con Saint Laurent ou mesmo Lagerfeld para Chanel. A imaxe de moda é a ficción verdadeira do século XXI.

Como pontevedrés ten unha gran ligazón con esta terra e ademais está cursando o doutorado na Facultade de Belas Artes. Cales son os eixos principais da súa investigación?
Estudo a dialéctica da arte coa moda e a evolución do fashion system.

Na súa conferencia en Os Xoves de Moda amosou diferentes exemplos de como as grandes marcas utilizan a arte nas súas imaxes. Pode contarnos algún dos casos que máis lle chamara a atención?
Si, resulta moi interesante a influencia de Claude le Lorraine nas fotos de Mugler e a vida nocturna de Berlín nas de Dior Homme con Hedi Slimane.

Desde a Escola de Deseño Téxtil e Moda de Galicia (Esdemga) estase dando un pulo importante aos novos creadores galegos e, de feito, algúns deles xa debutaron fóra da nosa terra en importantes pasarelas. Qué opinión lle merece a actividade que se está a realizar desde a escola?
A escola é brillante e o ensino de creadoras como Charo Froján, de D-Due, é magnífico, con ela créase o novo vangardismo inspirado no vestiario do século XIX, un novo Bradomín.

Qué consellos lle daría aos estudantes que soñan con poder dedicarse profesionalmente ao eido do deseño e da moda?
O que lles podo recomendar é que teñan cultura poliédrica, estudo e viaxes.