DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A escola asinou este ano 30 convenios de prácticas con empresas do sector

A Escola Superior de Deseño Téxtil e Moda de Galicia seguirá traballando para proporcionar aos seus alumnos as mellores perspectivas profesionais

Máis do 70% dos titulados xa están traballando

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Ana Terceiro DUVI 15/05/2008

 A Escola Superior de Deseño Téxtil e Moda de Galicia, Esdemga, continuará na súa liña habitual de traballo cara a proporcionar aos seus alumnos as mellores saídas profesionais e facilitar a súa rápida inserción no mercado laboral. Así o explicou a directora do centro, Lola Dopico, na reunión da comisión de seguimento da titulación, na que estiveron presentes o vicerreitor do campus de Pontevedra, Jesús Hernández, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e representantes da Cámara de Comercio, da Deputación e da Asociación Téxtil de Galicia, Lola Dopico subliñou que “máis do 70% dos graduados en Deseño Téxtil e Moda xa asinaron o seu primeiro contrato de traballo”, afirmou a encargada de Esdemga. Ademais, Dopico lembrou aos asistentes que “no que levamos de ano a escola asinou preto de 30 convenios con empresas do sector para que os estudantes realicen prácticas laborais”.

Graduado Universitario en Deseño Téxtil e Moda, unha titulación con moitos proxectos de futuro

A Escola Superior en Deseño Téxtil e Moda de Galicia, un título propio da Universidade de Vigo, xa ten preparados moitos proxectos para continuar impulsando estes estudos fora da nosa comunidade. O máis destacado é o traballo que se está a realizar cara á adaptación ao novo Espazo Europeo de Educación Superior, respecto ao que a dirección do centro asegurou Dopico que “se converterá nunha titulación oficial, incluída no catálogo europeo”. O que aínda queda por concretar é o enfoque que se lle dará á carreira e se pasará a ser un grao o un posgrao.
Por outra banda, na reunión da comisión tamén se abordaron outros proxectos a corto prazo como o vindeiro desfile Debut’ 09 que xa se está a preparar desde a escola. Tralo éxito acadado coa primeira edición, as alumnas do último curso comezaron a pensar en posibles deseños cara aos seus traballos finais de carreira que presentarán na pasarela ao remate do ano.