DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O centro ourensán conmemorou o aniversario do seu nacemento en 1991

Unha Escola Superior de Enxeñaría Informática, 20 anos, 3000 alumnos e moito que celebrar

O acto contou tamén coa graduación de 80 novos egresados

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 30/09/2011
20 anos de historia, un centro consolidado en estudos e profesorado e case 3000 alumnos formados nas súas aulas que teñen contribuído de xeito importante a mudar o panorama das novas tecnoloxías en Galicia. Con estes datos de fondo e o orgullo que significan para a Universidade de Vigo, a Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense celebrou este venres o acto de graduación de 80 alumnos de grao e posgrao e conmemorou o seu 20 aniversario. Con nostalxia e humor e rodeados de amigos, a ESEI quixo render homenaxe aos protagonistas desta historia, que comezou en 1991 cun cento de alumnos e sen computadores e que lle permitiu vivir a Ourense de primeira man a eclosión da informática e da revolucionou social e económica que supuxo e que está a supor.

“A pesares de estar nun momento crítico, a Universidade de Vigo está tendo agora os mellores resultados en prestixio da súa historia, grazas ás persoas que forman parte desta Universidade, e iso é unha evolución da que esta Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense é un bo exemplo”, salientou Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, durante a súa intervención no acto de celebración. Mato lembrou a historia de esforzo do centro e quixo facer especial mención aos que foron os seus responsables nestas dúas décadas, como son Manuel Pérez, José Duranyn, Juan Francisco Gálvez e o seu actual director, Enrique Barreiro. “Estou seguro que ides ter un futuro brillante”, dixo aos novos egresados da escola e ao persoal da ESEI.

Este desexo de futuro foi compartido por Enrique Barreiro, que afirmou “sentirse orgulloso do noso pequeno anaco de historia, destes vinte anos, cos seus defectos e virtudes”. O director da ESEI fixo un repaso polas persoas e os feitos que marcaron a evolución do centro, destacando que “botar esta ollada a atrás permítenos saber de onde vimos e porque somos como somos. O futuro pode darnos medo pero o feito de saber que fomos capaces de superar estes 20 anos danos seguridade para enfrontar o futuro que veña”, destacou.

80 graduados

O acto comezou coa celebración do acto de graduación de 80 alumnos do curso 2010/2011 das catro titulacións do centro, como son Enxeñaría Técnica en Informática de Xestión; Enxeñaría en Informática; o Máster en Consultaría de Software Libre e o Máster en Sistemas de Software Intelixentes e Adaptables. Os graduados recibiron un a un os seus diplomas e os novos doutores Ángel Dacal, David Ramos e Miguel Reboiro recibiron unha insignia de mans das autoridades presentes. Ademais, entregáronse os premios extraordinarios fin de carreira a Iván García e Daniel Fernández. Todo elo ante a atenta ollada dos numerosos familiares, amigos, docentes e autoridades presentes, entre os que estaban Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo; José Luis Baltar, presidente da Deputación de Ourense; Camilo Ocampo, subdelegado do Goberno en Ourense; Ricardo Capilla, director xeral de I+D+i, e diversos representantes do Concello de Ourense.

O padriño de promoción, o profesor da ESEI Francisco José Ribadas, felicitou aos asistentes porque conseguiron “completar o reto máis grande que tivestes que enfrontar ata o de agora” e animou aos egresados a dedicar tempo e esforzo para o seu desenvolvemento persoal e profesional, “pois diso se trata a vida, de loitar”. En representación destes novos graduados, Daniel Pérez fixo balance con humor e nostalxia dos anos na escola e animou ao seus compañeiros a enfrontar ese futuro con optimismo, “porque malo será que non haxa un posto de traballo para nós”.

Para tomar nota do que pode ser o seu futuro e para falar en representación das xeracións que cada ano foron saíndo das aulas deste centro, o ex alumno Carlos González, titulado da primeira promoción, foi o encargado de falar durante a conmemoración. González lembrou con sentido do humor como no primeiro ano de funcionamento da ESEI aínda non existían os sistemas operativos, nin Linux, nin Internet e como na propia escola non tiñan aínda computadores e a súa principal ferramenta de traballo era o bolígrafo. Vinte anos despois, destacou, as cousas cambiaron radicalmente, “e seguiremos evolucionando, e probablemente dentro de dez anos estaredes traballando en cousas que agora nin podedes imaxinar”, salientou.

Nomeamento de Emilio Atrio

No acto estaba previsto a celebración do nomeamento de Emilio Atrio, que foi presidente do Consello Social da Universidade de Vigo ata datas recentes, como novo membro honorario do claustro de profesores da Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense. Finalmente, a celebración do nomeamento quedou aprazada debido á imposibilidade do homenaxeado de asistir ao acto por causas alleas á súa vontade.