DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este luns pechouse o segundo intento de convocatoria de eleccións no centro ourensán

A Escola Superior de Enxeñaría Informática continúa sen candidatos a ocupar a súa dirección

De novo terá que ser o reitor da Universidade de Vigo o que nomee a un responsable en funcións

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 29/10/2012

O pasado mes de xuño a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense viviu un proceso de eleccións para a renovación do seu órgano directivo. Finalmente non se presentou ningún candidato e o equipo que viña ocupando a dirección do centro nos últimos tres anos continuou en funcións uns meses máis. Comezado o novo curso académico, este mes de outubro abriuse de novo o proceso electoral pero rematado xa o prazo provisional para a presentación de candidatos unha vez máis queda deserta. De novo terá que ser o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, o que nomee a un responsable en funcións.

O prazo para presentarse a ocupar o cargo de director da ESEI rematou o pasado venres e este luns declarouse deserta a proclamación provisional de candidatos, motivo polo cal queda suspendido de novo o proceso electoral do centro. “Agora de novo volve a ser o reitor da Universidade de Vigo o que ten que tomar unha decisión e nomear a un equipo en funcións para a escola”, explica Enrique Barreiro, actual director en funcións da ESEI.

O equipo de Enrique Barreiro que ocupou a dirección da escola nos tres últimos anos e que estivo en funcións nos últimos meses estivo formado por María José Lado, subdirectora de Organización Académica; Francisco Javier Rodríguez, subdirector de Sistemas e Infraestruturas; Eva Lorenzo, subdirectora de Calidade e Adaptación ao EEES, e Alma María Gómez, secretaria do centro. Sobre a posibilidade de continuar nas súas funcións a falta de novos candidatos, Barreiro destaca que agora é o momento de “ir paso a paso” e agardar á decisión do reitor.

O aínda director en funcións da ESEI e o seu equipo afrontaron estes meses de mantemento no cargo en funcións coa convicción de que que se trataba dun período centrado principalmente na xestión do centro, á espera da incorporación dun novo órgano directivo e co desexo de retomar pronto as súas traxectorias académicas e investigadoras persoais. “O axeitado é que entre un novo equipo directivo, xente nova que traia novas ideas e que veña con ganas renovadas”, destacaba ao inicio do proceso de eleccións Enrique Barreiro, que leva 21 anos vinculado á xestión do centro, pois alternou sucesivamente o cargo de subdirector e o de director da ESEI. Un desexo de relevo que, á vista dos dous intentos fallidos de realizar eleccións, non parece fácil de cumprirse.