DUVI

Diario da Universidade de Vigo

25 estudantes de Educación Social asisten á formación

A Escola de Tempo Libre comeza a súa actividade formando monitores

O obxectivo é dotar ao alumnado do título oficial para exercer en campamentos e actividades similare

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 10/05/2013

A Asociación Universitaria Educación Social e Sociedade, composta por alumnado da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense, creou recentemente unha Escola de Tempo Libre Universitaria co obxectivo de ofrecerlle aos estudantes do centro formación complementaria no eido do ocio, un sector puxante na súa área. Esta semana, a escola botou a andar a súa programación coa celebración do seu primeiro curso formativo, unha iniciativa que lle permitirá aos participantes obter a titulación oficial requirida para traballar como monitor de tempo libre en todo tipo de actividades, como campamentos.

Millán Brea, director da Escola de Tempo Libre Universitaria do campus de Ourense; Serxio Souto, da Asociación Universitaria Educación Social e Sociedade, e Xosé Manuel Cid, vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación, foron os encargados este venres de presentar a entidade e a súa primeira iniciativa. “A escola naceu para dar formación e información ao alumnado no eido do tempo libre e a súa primeira actividade está dirixida a que estudantes do campus de Ourense obteñan o título de monitor de tempo libre da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, que é requirido para traballar neste posto en campamentos e outros espazos”, destacou Millán Brea.

“É un curso intensivo e a un prezo asequible, que nos permitirá ter unha titulación necesaria e moi útil para o noso exercizo profesional”, salientou Serxio Souto. “Aínda que pareza incrible, unha persoa titulada en Educación Social ou noutros estudos universitarios similares non pode exercer como director ou monitor de tempo libre. Por iso, consideramos moi interesante esta iniciativa, que os capacita e homologa profesionalmente para exercer neses postos”, subliñou Xosé Manuel Cid. Alén do valor desta iniciativa en si, o vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación, tamén quixo destacar que “é un orgullo para este centro contar cun asociacionismo tan activo como o que temos na actualidade e que dá froitos coma este”.

Conexión entre perfís profesionais

25 estudantes, o máximo permitido, de Educación Social están xa realizando no campus de Ourense o curso de formación, que consta de 200 horas teóricas e 150 prácticas e nas que se abordan aspectos de psicoloxía, de socioloxía, de técnicas de xogo, de lexislación e dun longo etcétera de cuestións. Cun carácter eminentemente práctico e aproveitando o bo tempo, xa se pode ver a este grupo recibindo as súas clases ao aire libre nos xardíns universitarios. "É moi divertido asistir porque todo o que aprendemos ten a súa vertente práctica e son actividades moi aplicables ao noso traballo", explicou Serxio Souto.

Tras esta primeira formación, os promotores da iniciativa agardan realizar outro curso de director de tempo libre proximamente, dando un paso máis na capacitación profesional dos estudantes de Educación Social. “Para traballar na xestión do ocio están os titulados universitarios en educación, os titulados de ciclos de Formación Profesional afíns e os que realizan estes cursos de monitores e directores homologados pola Xunta de Galicia. Son tres perfís profesionais que necesariamente hai que conectar e estruturar con iniciativas coma esta escola”, engadiu por último Xosé Manuel Cid.