DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dirixida a fillos de membros da comunidade universitaria

A Escola de Tenis para Nenos chega a súa segunda edición

A inscrición estará aberta ata o día 26 de setembro

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
DUVI DUVI 17/09/2008

Por segundo ano consecutivo e coincidindo co comezo do curso, os máis pequenos poderán iniciarse na práctica do tenis da man do Servizo de Deportes que, en colaboración co Club de Tenis Cidade Olívica, organiza a Escola de Tenis para Nenos. Dirixida aos fillos de membros da comunidade universitaria, esta iniciativa pretende, xunto con outras como o Campus Camp, ofrecer un servizo ao persoal que traballa na Universidade. “A idea é que os rapaces que queiran xogar ao tenis ou simplemente coñecelo, teñan a opción de facelo dende o Servizo de Deportes, xa que os seus pais xa contan con esta posibilidade a través das escolas deportivas”, comenta Joaquín Comesaña, responsable de tenis do campus de Vigo.
Pero non só os cativos poderán realizar o seu primeiro achegamento a este deporte xa que nesta ocasión, e debido á boa acollida da anterior edición, a oferta amplíase a rapaces de idades comprendidas entre os 5 e os 18 anos. Así, crearanse tres grupos de iniciación divididos por idades, dos que nos dous primeiros, os máis pequenos divertiranse mediante xogos enfocados a potenciar as habilidades propias dos deportes de raqueta. “Nestes dous grupos queremos que o número de alumnos sexa elevado porque o que prima nestas idades é a diversión e, para isto o ideal sería que os grupos fosen de 20 nenos”, apuntou Comesaña. Pola contra o terceiro grupo formarase cun número de entre catro e oito rapaces a partires dos 13 anos.
Outra das novidades é a incorporación dun grupo de precompetición e outro de competición para rapaces que conten xa cun nivel mínimo de xogo, ben porque participaron na edición anterior ou ben porque tiveron unha experiencia previa noutros clubs. Estes grupos perfeccionarán a súa técnica adestrando na pista exterior tres días a semana, cun máximo de 8 alumnos por monitor.
As clases, que terán un custo de catro euros a hora, comezarán o 6 de outubro e prolongaranse durante o período lectivo 2008-2009, rematando o 21 de xuño. A inscrición pode realizarse ata o día 26 setembro no Servizo de Deportes ou a través do correo electrónico deportes@uvigo.es indicando o nomes do neno, o nome do pai ou nai, o número de teléfono e o grupo no que desexa inscribirse.

Horarios e grupos

“Queremos que todos os membros da comunidade universitaria teñan a opción de xogar, mellorar ou adestrar, como se fai nunha escola de club”, explica Comesaña. Para isto, os nenos de entre 5 e 8 anos disporán dun grupo de iniciación no que os sábados de 11.30 a 12.30, no pavillón polideportivo, divertiranse coa práctica do minitenis, unha nova modalidade adaptada aos máis pequenos. O mesmo día pero de 10 a 11.30 será a quenda dos alumnos de entre 9 e 13 anos e a dos maiores de 13 anos que practicarán xa na pista exterior. Os luns, mércores e venres adestrará, na pista exterior, o grupo de precompetición de 18.30 a 19.30 e o de competición, de 17 a 18.30 horas. Nestes grupos só poden participar nenos maiores de 9 anos, no primeiro, e de 12 no segundo, independentemente da súa destreza coa raqueta.