DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tamén se graduaron os 50 estudantes do Máster Universitario en Dereito Urbanístico e do Medio Ambien

A Escola Universitaria de Enfermaría gradúa a 50 novos titulados subliñando o bo trato e a empatía como calidades da profesión

O conselleiro de Educación fixo fincapé na necesidade de profesionais polivalentes na sociedade actu

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Raquel Feijóo DUVI 25/06/2010

O campus viviu este venres unha tarde de graduacións coa despedida de 50 novos titulados pertencentes á promoción 2007-2010 da Escola Universitaria de Enfermaría e tamén dos 35 estudantes que superaron con éxito o Máster Universitario en Dereito Urbanístico e do Medio Ambiente (DUMA). No primeiro caso os xa novos profesionais da enfermaría recibiron o recoñecemento e o alento de profesores, familiares e amigos que os animaron a exercer o seu traballo aplicando unha boa dose de humanidade e bo trato cos pacientes. No caso do mestrado o seu coordinador, o profesor Rafael Fernández Acevedo, subliñou o carácter profesionalizante duns estudos que, segundo indicou, gozan dunha demanda importante no mercado laboral.

O acto de graduación da terceira promoción da Escola Universitaria de Enfermaría estivo presidido por María Victoria Jato, vicerreitora de Investigación e Transferencia do campus e contou coa asistencia de Estrella Portela, directora da Escola Universitaria de Enfermaría; Jesús Vázquez, conselleiro de Educación; Rogelio Martínez, delegado territorial da Xunta en Ourense; Marga Martín, concelleira de Sanidade e Benestar Social do Concello de Ourense e Eloína Núñez, xerente do Chou.

O exercicio dunha profesión “marabillosa”

No transcurso do acto María Virginia Aznar, responsable da área de Formación e Investigación da Dirección de Enfermaría do Complexo Hospitalario de Ourense (CHOU), pronunciou un relatorio sobre o desenvolvemento desta profesión na sociedade actual subliñando que, na súa opinión, “o que fai que un enfermeiro sexa especial é o seu trato, humanismo e respecto á dignidade da persoa”. A relatora animou aos novos titulados a exercer a que definiu como “unha profesión marabillosa que vos dará grandes momentos de satisfacción persoal”, afirmou.

Os novos titulados contaron co apoio dos padriños da promoción, os profesores María Milagros Fernández e Antón Gavela e viviron con especial emoción a imposición das bandas e a entrega dos diplomas. A directora do centro, Estrella Portela, centrou a súa intervención emprazando aos titulados a seguir ampliando a súa formación posto que, segundo declarou, “a enfermaría é unha carreira que está en continua evolución xa que o seu fin é coidar ao ser humano, privalo de dor e aliviar a súa enfermidade”. O conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, pola súa banda, cualificou o traballo que van desenvolver estes novos enfermeiros e enfermeiras de “vital” porque, segundo afirmou, “en tempos de globalización e de incerteza como os que estamos a vivir a nosa terra precisa, hoxe máis ca nunca, de profesionais polivalentes e capaces de adaptarse a novos escenarios que mudan dun xeito vertixinoso”.

Necesidade de especialistas en dereito urbanístico

Os 35 estudantes pertencentes á terceira promoción do DUMA gozaron tamén dun emotivo acto de graduación e recoñecemento da comunidade universitaria á súa dedicación e esforzo para superar estes estudos. O acto estivo presidido pola vicerreitora do campus, María Lameiras e no mesmo interviñeron Miguel Ángel Michinel, decano da Facultade de Dereito; Rafael Fernández Acevedo, coordinador do mestrado e Francisco Rodríguez, alcalde de Ourense. Todos eles aproveitaron as súas respectivas intervencións subliñando a boa preparación que ofrece este programa formativo e desexándolles aos novos titulados unha pronta incorporación ao mercado laboral.

Especialmente significativas foron as palabras de Fernández Acevedo, que fixo fincapé na actual situación de crise económica, financeira e de desemprego que estamos a vivir para subliñar que, a pesares desta realidade, “o mercado laboral segue demandando especialistas en dereito urbanístico e do medio ambiente, área esta última con gran presente e mellor futuro”. O profesor afirmou que é na área medio ambiental onde se presentan variadas opcións de desenvolvemento empresarial e laboral. “Na miña opinión aquí é onde se atopa unha das claves de futuro do emprego estreitamente vinculada ao desenvolvemento sostible”, declarou. No acto interviñeron tamén Eduardo Pérez en representación dos alumnos do mestrado e o padriño da promoción, o profesor Manuel Antonio Crespo, para finalizar coa entrega dos diplomas aos novos titulados.