DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Fisioterapia conmemora o seu cambio de denominación cun ciclo de conferencias

De escola universitaria a facultade en quince anos

A primeira convidada foi a bióloga italiana Daniela Metro que falou do sono e da obesidade

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Bea Feijoo DUVI 13/04/2011

Naceu en 1995 como escola universitaria e na actualidade xa conta a denominación de facultade. Fisioterapia conmemora esta evolución cun ciclo de conferencias que se celebra nos meses de abril e maio. No acto de presentación, a vicerreitora do campus, Antonia Blanco, destacou o crecemento do centro, “a un ritmo rápido pero rigoroso que os levou a un novo ciclo que está a cambiar o futuro profesional tanto de alumnos como profesores”. Tras o acto inaugural, a bióloga da Universidade de Messina, Daniela Metro, foi a encargada de impartir a primeira conferencia na que falou sobre os trastornos do sono e obesidade.

Na presentación tamén estivo presente José Eduardo López, director da ACSUG, que destacou que a Facultade de Fisioterapia “é o primeiro centro en toda a comunidade autónoma que xa conseguiu pasar de escola universitaria a facultade”. Adiantou ademais que, á espera do informe de seguimento, “a finais de ano viremos a outorgarlle ese primeiro certificado de garantía de calidade tan merecido”. O seu director, Manuel Gutiérrez, salientou o recoñecemento que recibiu o centro por parte do Colexio Oficial de Fisioterapeutas de España “por ser o única escola de todo o estado que implantou o grao nos catro anos” ao que a vicerreitora engadiu a necesidade de rematar totalmente o proceso de consolidación ao EEES coa implantación do doutoramento.

O ciclo de conferencias organizado, ademais de conmemorar o cambio de denominación, amosa o compromiso que tanto profesorado e alumnado manifestan coa formación transversal e interdisciplinar, “adquirindo unhas competencias que complementan o aprendido nas aulas”, apuntou Gutiérrez. “Trátase dunha excelente oportunidade para aprender e intercambiar con persoas que veñen de fóra e que traen as súas experiencias tanto profesionais como investigadoras”, explicou a vicerreitora.

Obesidade e descanso

A conferencia inaugural correu a cargo da bióloga da Universidad de Messina, Daniela Metro, que afondou na relación que existe entre a alteración do sono e a obesidade. Case o 4% da poboación sofre apnea e pode derivar en complicacións graves como “somnolencia, cefaleas matutina, perda de capacidade intelectual, aparición de enfermidades cardiovasculares, alteracións de sono...”. O 60% dos pacientes que padecen a apnea obstrutiva do sono, SAOS, adoitan ter sobrepeso, polo que un dos tratamentos que máis se recomenda é a perda de quilos. A través dunha investigación encabezada pola propia Metro, demostraron que cunha dieta hipocalórica en persoas que padecen SAOS e sobrepeso "reducíase nun 15% o seu peso e pasaban de 140 interrupcións no sono a 40”, explicou. Este tipo de investigacións abren o debate sobre as complicacións que a apnea supón para os enfermos con obesidade. “A falta de osíxeno durante o sono e a mala calidade deste provocan desordes no metabolismo, ademais de que a persoa que durme mal móvese pouco e ten por costume durmir durante o día o que favorece o aumento o peso”, concluíu a bióloga.

O ciclo de conferencias proseguirá o vindeiro 28 de abril coa intervención de Francisco Viozoso, cirurxián do Hospital de Jove, Asturias, que falará sobre Inflamación, cáncer y células madre. O último relatorio queda programado para o 4 de maio e será impartido por Xavier Castro, catedrático de Historia Contemporanea, que afondará na historia da alimentación en Galicia.