DUVI

Diario da Universidade de Vigo

XIV edición da xornada radiofónica Ponte... nas Ondas! na ETSE de Telecomunicación

Escolares galegos e portugueses unen as súas voces para dignificar o patrimonio inmaterial da eurorrexión

O acto contou coa participación da conselleiras Mº Xosé Caride e Teresa Táboas

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 06/06/2008

Máis de 60 centros educativos de Galicia e Portugal participan na décimo cuarta edición da xornada radiofónica Ponte... nas Ondas! que, desta volta, está centrada na Identidade e Territorio. Dende a ETS de Enxeñeiros de Telecomunicación e, para todo o mundo a través de Internet, os estudantes participaron dunha programación cultural e diversa que ten como finalidade a posta en valor do patrimonio cultural inmaterial da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
Actuacións musicais, contacontos, entrevistas e relatorios compaxináronse coa VII Mostra da Oralidade Galego-Portuguesa no Verbum que contou coas actuacións de Luar na Lubre ou Socorro Lira, entre outros artistas. Ao longo de 24 intensas horas de radiodifusión, os estudantes fixeron unha posta en común das súas iniciativas en prol da dignificación da cultura común de Galicia e Portugal. Un grupo de alumnos dos centros participantes tomou os micrófonos para converterse durante un día en locutores de radio e a estrea incluíu entrevistas ás conselleiras de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, Mª Xosé Caride e a de Vivenda e Solo, Teresa Táboas. Ante preguntas enviadas dende colexios e institutos de toda Galicia, ambas fixeron un percorrido polas tarefas que desempeñan no seu posto de traballo e explicaron a relación que estas políticas gardan coa conservación e promoción das tradicións. Mª Xosé Caride resolveu as dúbidas dos máis pequenos sobre o trazado do tren de alta velocidade que unirá Vigo e Porto, sobre as estradas, as costas ou sobre a conservación de infraestruturas tan senlleiras como a ponte internacional de Tui-Valença. En referencia á vinculación entre as dúas beiras do Miño, a conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes subliñou que “temos unha cultura común e un patrimonio común e temos que potenciar esta relación”. Ante a solicitude dos mozos xornalistas, que lle pediron que dese unha exclusiva, Caride anunciou que dende a Xunta se está planificando unha nova ponte que unirá Galicia e Portugal ao tempo que se ampliarán as xa existentes.
Teresa Táboas tamén se someteu ao cuestionario a subliñou a necesidade de recuperar o patrimonio histórico que representan os cascos vellos das cidades e vilas e casas do nosos antepasados, xa que “representan a nosa identidade como pobo”.
Estas consellerías colaboran e patrocinan o Proxecto Terra, que tamén toma parte nesta edición de Ponte... nas Ondas e que, segundo Táboas “é pioneiro no mundo e pretende que todos vós teñades máis sensibilidade co contorno da que tiveron outros nos últimos anos”.

Unha experiencia multimedia

A xornada Ponte... nas Ondas! naceu anos atrás co obxectivo de “dignificar e poñer en valor o patrimonio e a nosa cultura: a oralidade, a música, os oficios, en xeral a nosa cosmovisión e xeito de ver o mundo”, explicou o vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area. Das 12 horas de radio iniciais, coa entrada no proxecto da Universidade de Vigo, pasouse ás 24 horas que agora se retransmiten dende a ETS de Enxeñeiros de Telecomunicación. A programación retransmitiuse para todo o mundo a través de internet grazas a UVigoTv e, dende Colombia, Chile ou Arxentina tomaron parte varios centros de ensino. Deste xeito, unha experiencia que naceu radiofónica tórnase agora multimedia “combinando novas tecnoloxías e tradición nunha universidade como a de Vigo que é nova e innovadora”, apuntou Iván Area.

Cultura, música e interacción

Os cativos e adolescentes que tomaron parte nesta edición de Ponte... nas Ondas! puideron participar, ao longo de toda a xornada, en diversas actividades conducidas por Avelino González, que foi o presentador do programa. Contacontos, bailes, vídeos e relatorios sucedéronse conxuntamente coas entrevistas ás conselleiras, á cantante brasileira Socorro Lira ou ao arquitecto Alfonso Penela, que explicou, nunha proxección, a evolución do campus de Vigo dende a súa fundación como colexio universitario ata converterse no que definiu “como un campus planificado ao xeito americano”.
A parte musical correu a cargo do grupo vocal portugués Vozes da Rádio pero tamén dos propios alumnos que se subiron ao escenario varias veces ao longo da mañá, entre eles, varias rapazas pandereteiras do CEIP Chan de Bembrive de Vigo que cambiaron as aulas polos instrumentos nunha xornada cultural diferente que os achegou ao patrimonio inmaterial. Xunto con elas, o grurpo do CPI Covaterreñade Baiona presentou o seu primeiro CD mentres que outros dos rapaces puxeron en escena unha das tradicións da cultura oral, as regueifas.
Moitos deles trasladáronse xa pola tarde ao Verbum para participar na Mostra de Oralidade Galego-Portuguesa e na retransmisión do programa Aberto por Reformas da Radio Galega con Ponte... nas Ondas! como protagonista. Durante a noite, os rapaces contaron a colaboración de universitarios do campus de Ourense.