DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun obradoiro na ETSE de Telecomunicación

Escolares pontevedreses convértense en enxeñeiros por un día e constrúen os seus propios robots

O acto contou coa participación do director xeral de I+D+i, Salustiano Mato

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
D. Besadío DUVI 29/10/2008
Están acostumados a pasar horas diante dun ordenador ou un videoxogo pero nunca se pararan a pensar no difícil que pode ser lograr que un aparato funcione á perfección. Hoxe non só pensaron niso, senón que se puxeron de cheo á tarefa: construír o seu propio robot, con sensor de luz, movemento, tacto... “O principio parecía que ía ser moi difícil, pero unha vez que te pos é moi divertido e non é tan complicado lograr que as cousas funcionen”, subliñaba Rubén Nores, un dos estudantes do IES Torrente Ballester de Pontevedra que visitaron a ETSE de Telecomunicación para participar no obradoiro Enxeño, unha actividade dirixida a incrementar a curiosidade pola tecnoloxía entre os rapaces.
A iniciativa, pioneira na universidade española, recibiu unha extraordinaria acollida nos centros de ensino secundario da provincia. “Recibimos 160 solicitudes de centros interesados en participar, pero nesta ocasión so puidemos atender 18”, explicaba a profesora Verónica Santalla, coordinadora do proxecto. Ante a boa acollida repetirán a experiencia o curso que ven, “e estamos pensando xa en ampliar a duración do obradoiro para que poidan vir máis centros”.

Pequenos “expertos” en robótica

Cada grupo está composto por arredor de trinta rapaces que son atendidos por catro monitores, ademais dos profesores que os acompañan dos seus propios centros. Santalla destacou a importante acollida que tivo a idea na escola, non só entre o profesorado, senón tamén entre os alumnos, que non dubidaron en anotarse e colaborar no proxecto.
Bruno Tiago é estudante de Telecomunicación e participa en Enxeño como monitor, “é moi interesantes participar cos rapaces nesta iniciativa e amosarlles como aos xoguetes se lles pode sacar moito partido”, comentaba mentres que atendía a un grupo de rapaces, preocupados porque o seu robot non seguía a liña indicada. “Isto non funciona, non debemos colocar ben o sensor de movemento”, afirmaba un dos rapaces que, tras un par de horas no obradoiro, comeza a “dominar” o vocabulario da robótica. A este respecto, Juan Sampaio, un dos profesores que os acompaña, sinala que este tipo de actividades son unha extraordinaria maneira de introducir conceptos que na clase sería moito máis difícil explicarlles e “ademais aquí disponse de toda unha serie de medios dos que nós carecemos”, engade.
Divididos por grupos de entre tres e catro rapaces, contan cun manual que lles indica como ir montando as diferentes pezas. “Agora estamos programando o tacto do robot”, explica Francisco José Duran, un dos alumnos do Torrente Ballester. “Temos que conseguir que free cando chegue a un obxecto”, continua. É un exemplo dalgunha das tarefas que levaron a cabo durante as tres horas que durou a visita, “montar a peza é fácil, o difícil é programalo”, explica a súa compañeira Elena Soto.
Acostumados a ver o produto final, construír os seus propios robots esperta a súa curiosidade. “É sorprendente ver o concentrados que están”, comentaba Santalla. “Desenvólvense moi ben solos e apenas nos piden axuda aos monitores”, explicaba o profesor Xulio Fernández.

Conversando co director xeral de I+D+i

Os rapaces que este mércores acudiron ao obradoiro tiveron tamén a posibilidade de coñecer e conversar co director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Xunta de Galicia, Salustiano Mato, que quixo coñecer de primeira man como está funcionando a iniciativa, “unha idea moi innovadora e unha extraordinaria maneira de divulgar a ciencia de xeito lúdico”, comentaba.
Na súa visita o director xeral comprometeuse a intensificar en anos vindeiros o apoio económico que dende a Xunta se dá ao proxecto. “É un programa moi ben valorado e a nosa intención é que se amplíe nas próximas edicións”, subliñou, ao tempo que fixo fincapé no feito de que este tipo de actividades son ideas para espertar a curiosidade dos máis novos pola ciencia.