DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No primeiro cuadrimestre superouse o medio milleiro de inscritos nas actividades

As Escolas Deportivas abren de novo as súas portas

O 24 de xaneiro abre o prazo de renovacións e o 1 de febreiro o de novas matrículas

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Anabel Vila DUVI 20/01/2011

Comeza o segundo cuadrimestre, e con el todas as actividades do calendario habitual na Universidade, entre elas as Escolas Deportivas, que abren o prazo de renovación entre o 24 e o 31 de xaneiro, e do 1 ao 10 de febreiro as novas matrículas.

O acceso a actividades deportivas e de lecer por parte de toda a comunidade universitaria é unha das prioridades deste servizo, polo que este ano comezou a funcionar o Centro Deportivo Aberto (CDA), que permite aos matriculados o acceso a ximnasios da cidade sen estar matriculados nunha actividade concreta. “Con este programa ampliouse o abano de posibilidades. Agora os usuarios e usuarias teñen unha maior flexibilidade en canto a horarios e actividades. Era algo que necesitaba, sobre todo, o alumnado, o grupo maioritario”, explica Alexandre Sanjorge, do Servizo de Deportes. Da man desta iniciativa chegou o programa Suplemento Dúo, que permite aos posuidores da Tarxeta Deportiva Universitaria (TDU ) Básica ou Ponte en Forma completar o seu programa de exercicios nalgún dos centros incluídos no CDA.

No primeiro cuadrimestre houbo 482 persoas, case 150 máis que o ano pasado no mesmo periodo, participando nas Escolas Deportivas “o proxecto estrela do servizo”, recoñece Sanjorge. “O noso obxectivo sempre foi o mesmo, achegar á comunidade universitaria a práctica deportiva. Ademais introducimos modalidades deportivas que doutro xeito, especialmente por motivos económicos, quedarían lonxe do alcance do alumnado”, asegura.

Ampla oferta nos tres campus

As actividades que están a disposición da comunidade universitaria en Vigo, xa sexa alumnado, PDI ou PAS, comprenden cursos relacionados coas artes marciais, como son taekwondo, taichi daoyin, tai-chi wu-shu, sanda, muay-thai boran, kick boxing, kendo, Karate-Do Shudokan, jiu jitsu brasileiro, jiu jitsu–hapkido, judo, full contact ou aikido, así como boxeo ou capoeira. Tamén hai actividades no ximnasio como son tonificación barra, tonificación + estiramentos, tonificación, step-abdominais + aeróbic Latino, step + stilos, step, spinning, pilates, latino + step latino, gap + step tono, gap, fitness-musculación, aerotono, aerobox, aeróbic + step, aeróbic, abdominais-step box, body pump (power). Ademais ofrécense modalidades máis convencionais como tenis, pádel, natación, ioga, tríatlon, danzas orientais, danza contemporánea, aquagym ou xadrez,.

En Pontevedra a oferta inclúe aeróbic, aerobic + power pump, aeróbic+step, aerobic+step, pilates, spinning e fitness-musculación. Ademais hai artes marciais, danzas orientais, natación, pádel, tai-chi, tenis e xadrez. Mentres en Ourense destacan actividades como o wu-shu, wu shu sanda, karate, judo, ioga, jiu jitsu – hapkido, tai-chi ou defensa persoal. No que se refire o ximnasio organízanse tanto cursos de step, spinning, pilates, fitness total, fitball, aerobox ou aeróbic voleibol, como de danzas orientais, latino, hip-hop, pádel ou tenis de mesa, sen olvidar a natación, o aquagym ou o aquaeróbic. Con todo, mención aparte merecen as actividades ao aire libre como son as rutas, os roteiros culturais, o golf, a escalada e o tenis.

As taxas, que varían en función do horario ou o centro no que se imparten, así como a documentación necesaria para a inscrición pode consultarse na web do Servizo de Deportes ou nas súas instalacións dos tres campus, onde tamén está dispoñible a información sobre a concesión de créditos.