DUVI

Diario da Universidade de Vigo

421 usuarios participaron nesta actividade no primeiro cuadrimestre

As Escolas Deportivas movilizan á comunidade universitaria para facer exercicio

O 18 de febreiro rematará o prazo de inscrición para novas altas

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Sara Alcázar DUVI 10/02/2010

A promoción de hábitos de vida saudables mediante a práctica de exercicio físico é a mensaxe principal do Servizo de Deportes do campus de Vigo, que coa posta en marcha das Escolas Deportivas para o segundo cuadrimestre, convida á comunidade universitaria a participar nunha ampla variedade de disciplinas deportivas. Estudantes, PDI e PAS poderán inscribirse nesta actividade ata o vindeiro 18 de febreiro.
Alexandre Sanjorje, técnico do Servizo de Deportes, salienta esta iniciativa como o “programa estrela do eido deportivo universitario que máis alumnos move” e que no primeiro cuadrimestre rexistrou un total de 421 participantes, que se decantaron principalmente polo tenis, o ioga, a natación e as actividades aeróbicas en xeral.
Ademais destas disciplinas, o programa contempla unha grande oferta de actividades adaptada a estudantes e traballadores da Universidade, posto que “o alumnado busca unha forma entretida de facer exercicio, mentres que o persoal márcase obxectivos diferentes centrados na saúde” argumenta Sanjorje, que define as Escolas Deportivas como un “programa vivo” que se adapta constantemente ás demandas dos usuarios en aspectos como os horarios e as actividades preferidas. O programa desenvolverase dende o 22 de febreiro ata o 27 de marzo e, despois de Semana Santa, do 5 de abril ao 5 de xuño.

Ampla oferta de actividades sen moverse do campus

Os membros da comunidade universitaria poderán compatibilizar o deporte co seu traballo e estudos sen moverse do campus, posto que moitas das disciplinas se desenvolven no Complexo Deportivo Universitario. Pilates, step, gap, aquagym, karate e natación son algunhas das actividades ofertadas nestas instalacións, ás que hai que sumar o polideportivo exterior do campus e o edificio do Servizo de Deportes, nos que se imparten as modalidades de tenis e ioga respectivamente. O programa complétase cun servizo integral de preparación física mediante a iniciativa En Boa Forma, un plan trismestral de exercicio deseñado en función do estado físico e os obxectivos de cada persoa, que conta cun seguimento personalizado. O deseño e seguemento dos programas de adestramento corre a cargo dun Licenciado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, que se complementan cunha parte dedicada á rehabilitación e recuperación en mans dunha fisioterapeuta e outra de medicina deportiva a cargo de Juan José Crespo.
Ademais das instalacións deportivas do campus de Vigo, as Escolas Deportivas contan coa colaboración de 13 centros deportivos da cidade, nos que se desenvolven múltiples actividades que completan a oferta e que están localizados en diversos puntos de Vigo co fin de resultar accesible a todos os usuarios e atender as súas demandas.

O pádel entre as novidades deste ano

Tal e como indica Alexandre Sanjorje, “as Escolas Deportivas están en continuo proceso de adaptación con respecto ás demandas dos usuarios e cada ano introducimos novas actividades e ampliamos os horarios”. Esta é a principal razón de que o programa recolla máis de 40 escolas deportivas, entre as que podemos atopar como novidade a modalidade de pádel, que se recuperou despois de varios anos sen ser impartida e que se desenvolve na cidade deportiva do Círculo Mercantil, moi preto do campus. Ademais desta disciplina, o programa conta coa nova introdución de fitness-musculación e algunhas melloras, como o aumento dos grupos de Pilates e das actividades aeróbicas “pola gran demanda que hai destas escolas” argumenta Sanjorje.
A amplitude do programa presenta unha oferta moi variada, na que salienta a gran presenza das artes marciais, como o o aikido, o jiu jitsu ou o tai chi e actividades aeróbicas de todo tipo, ademais dos deportes tradicionais. Por outra banda, os estudantes poderán convalidar esta actividade por un crédito de libre elección, sempre e cando a disciplina teña unha duración mínima de 30 horas, xustificando unha asistencia de, polo menos, o 80%. En actividades con niveis de iniciación e perfeccionamento, poderase acadar un crédito por nivel.
Toda a información sobre as Escolas Deportivas pode consultarse na web do Servizo de Deportes.