DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As Escolas Deportivas ofertan saúde para corpo e mente

Un total de 27 actividades conforman a programación para este curso

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Noelia V. Vilanova DUVI 08/10/2009
A chegada do mal tempo non debe ser unha escusa para non facer deporte, por iso as Escolas Deportivas abren a súa oferta de actividades para os membros da comunidade universitaria. Como dixo o poeta romano Juvenal, “mens sana in corpore sano” e que mellor lugar que a Universidade para dar exemplo de que é posible lograr o equilibrio entre corpo e mente. O novo curso académico preséntase “cun total de 27 actividades, das cales tres, pádel, spining e fitball, son unha novidade”, explica Rodrigo Alberte, responsable do Servizo de Deportes do campus.
Como todos os anos haberá actividades para todos os gustos, variando dende os deportes máis coñecidos “como poden ser tenis, natación ou volei” ata os máis modernos “como jui-jitsu, tai chi, pilates ou wu shu”. A música tamén estará presente en actividades como bailes latinos, as danzas orientais ou capoeira. No tocante á defensa persoal tamén hai un amplo abano e os participantes poderán escoller entre “boxeo, iudo, karate ou kick boxing entre outras”. Os que se sintan como peixe na auga poderán elixir entre os cursos de natación, a práctica libre, aguagim ou fitball e para aqueles que prefiran unha actividade na que o cerebro sexa o músculo que máis traballe poderán anotarse en xadrez, onde a estratexia e axilidade mental son todo. “Hai que sinalar que esta actividade reportará aos participantes dous créditos de libre configuración”, apuntou Alberte.
Dende o Servizo de Deportes agardan ter “o mesmo éxito que o pasado ano”, aínda que as actividades con mellor acollida foron “tenis con 60 participantes e aerobic con 57”, dixo Alberte. Cómpre sinalar que aínda que a escolas son exclusivas para membros da comunidade universitaria, tamén haberá tenis para nenos, unha actividade dirixida aos fillos dos traballadores do campus.

Inscrición e duración das actividades

Os que desexen inscribirse poderán facelo anualmente ou por cuadrimestre. Os prezos anuais das actividades varían segundo a escola elixida, sendo a tarifa máis elevada de 100 euros e a máis barata de 70. O período de matrícula no primeiro cuadrimestre rematará o día 16 de outubro para as escolas que comezan o día 19 e o venres 23 para as actividades que se inician o 26 de outubro. No tocante ao segundo cuadrimestre, a renovación realizarase do 1 ao 4 de febreiro e o alumnado novo terá que inscribirse a partir do 8 e ata o 17 de febreiro.
As actividades desenvolveranse no primeiro cuadrimestre dende o 19 ou 26 de outubro ata o 19 de decembro e do 11 de xaneiro ao 20 de febreiro. No segundo cuadrimestre as escolas abrirán dende o 22 de febreiro ata o 27 de marzo e do 5 de abril ata o 5 de xuño.

Máis información