DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As Escolas Deportivas ofrecen actividades para todos os públicos cun programa que comprende 45 modalidades diferentes

O prazo de matrícula remata o vindeiro 13 de outubro

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
M. Del Río DUVI 07/10/2009

A ampla e diversificada oferta das Escolas Deportiva, que comprende 45 modalidades, fai que ningún membro da comunidade universitaria teña pretexto para non realizar un práctica deportiva. Ao longo do curso impartiranse clases que van dende os deportes máis clásicos e tradicionais ata as disciplinas máis innovadoras e procedentes de terras máis afastadas. Deste xeito, o Servizo de Deportes tenta “adaptarse ás novas tendencias e aos gustos dos usuarios” a través dun abano de actividades que se desenvolven tanto en instalacións da Universidade como en centros asociados, explica Javier Rial, responsable do Servizo de Deportes. Este é o programa estrela do servizo, que reúne cada anos arredor de 2000 usuarios entre as escolas de que desenvolven nos tres campus da Universidade. Na pasada edición, “a natación con 118 participantes, o tenis con 146, o ioga con 87 e o aeróbic con 79” foron as propostas con máis éxito no campus vigués.
A matrícula pode realizarse tanto por cuadrimestre como en modalidade anual e, dependendo do deporte elixido varían as datas, os horarios e os prezos. A inscrición poder facerse efectiva ata o vindeiro día 13 de outubro no Servizo de Deportes, comezando as clases o día 19 de outubro e estendéndose ata o 17 de febreiro, cun parón por mor das festas do Nadal entre o 19 de decembro e o 11 de xaneiro. No segundo cuadrimestres, as actividades botarán a andar o 22 de febreiro e rematarán o 5 de xuño.
A gran novidade desta edición das Escolas Deportivas é a concesión en algunhas das actividade de créditos ECTS, de xeito que se poidan validar tanto para os estudantes que cursen titulacións non adaptadas ao EEES como para os que xa están matriculados en graos europeos.

Unha oferta diversificada con 45 modalidades deportivas

A finalidade destas escolas é facilitar que os membros da comunidade universidade se acheguen ao deporte e adquiran hábitos físicos saudables con especial fincapé en aquelas disciplinas ás que non se ten acceso facilmente. Así, os interesados poden elixir entre unha oferta de 45 escolas que comprenden diferentes modalidades do aeróbic, deportes acuáticos, deportes de loita, diferentes danzas, como capoeira ou baile oriental, musculación, ioga, step ou pilates. A amplitude do programa permite traspasar fronteiras e ofrece a posibilidade de achegarse a disciplinas orientais que están a acadar un bo nivel de aceptación na nosa sociedade como o aikido, jiu jitsu, un método persoal de autoprotección, kendo ou esgrima xaponesa, muay-thay borán, que é unha arte marcial tailandesa, wu shu-sanda, máis coñecido como kung fu ou tai chi. Os máis clásicos terán tamén a opción de practicar tenis, natación, pádel, tonificación ou xadrez.
Toda a información sobre as Escolas Deportivas pode consultarse na web do Servizo de Deportes.