DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As actividades desenvolveranse os días 29 e 30 de maio

As escolas deportivas pechan o curso con sesións especiais de zumba e bicicleta estática

Poden apuntarse de balde todas as persoas interesadas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Saúde
  • Deportes
DUVI Ourense 27/05/2019

As escolas deportivas que ao longo deste curso académico se desenvolveron no campus de Ourense no marco da programación organizada pola Área de Benestar, Saúde e Deporte chegan este mes ao seu remate. Como peche, este mércores e xoves celebraranse sesións especiais de zumba e bicicleta estática de balde e abertas a todas as persoas interesadas. 

“Estas actividades son o colofón a todo un curso de escolas deportivas desenvolvidas para a comunidade universitaria do campus”, explica Rodrigo Alberte Pivida, responsable no campus de Ourense da Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo. “Con elas pecharemos unha programación que este curso funcionou moi ben, xa que se consolidaron as escolas deportivas que viñamos facendo, sobresaíndo a boa acollida dalgunhas como a de zumba, a de adestramento personalizado en grupos e o programas destinado á muller con actividades de defensa persoal, benestar integral e ioga”, comenta Rodrigo Alberte, que tamén pon o aceno no “bo funcionamento da sala de musculación”.

Esta programación de peche, que se desenvolverá no interior ou exterior do Pavillón de Deportes do campus segundo as condicións climáticas, inclúe o mércores 29 de maio, ás 20.00 h, unha masterclass de zumba e o xoves 30 de maio, á mesma hora, unha masterclass de bicicleta estática (cycling), habendo dispoñibles neste último caso 68 bicicletas. As dúas actividades contan coa colaboración na súa organización de Aqa Ourense, podendo as persoas interesadas apuntarse tanto neste centro como no Pavillón de Deportes do campus.

Acceso de balde ás instalacións deportivas

Ademais destas sesións especiais, ata o 31 de maio a comunidade universitaria pode probar de balde as vantaxes do abono Muver, que proporciona acceso libre e individual ás instalacións e ás actividades deportivas da Área de Benestar, Saúde e Deporte. Esta proposta esténdese aos tres campus da Universidade de Vigo no horario de apertura tanto das salas cardio-fitness, como das salas de tenis de mesa, as pistas de atletismo e as pistas de tenis.