DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No relatorio dos XIX Encontros Literarios“Conto contado, burro aparellado”

O escritor Bieito Iglesias afonda nas características do conto literario

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Noelia V. Vilanova DUVI 04/02/2009

Conto contado, burro aparellado. Baixo este suxerinte título o escritor ourensán Bieito Iglesias Araúxo ofreceu o segundo dos relatorios dos XIX Encontros Literarios que teñen por obxectivo en esta edición falar de O conto da literatura. A literatura do conto. Durante o seu relatorio cargado de humor e teatralidade, percorreu as características do conto literario e as súas diferenzas e similitudes co conto popular. Ao seu carón, Marcos Valcárcel, coordinador das xornadas, foi o encargado de presentar ao conferenciante, algo que non lle foi nada complicado debido a amizade que os une a ambos. Para Valcárcel, “quen nos acompaña pertence a unha xeración das letras galegas moi prometedora” e posúe un “extraordinario dominio do idioma, adaptándose a todo tipo de rexistros”. Durante a presentación tamén houbo momento para a lembranza e o agradecemento xa que o coordinador dos encontros describiu a Iglesias como “unha figura fundamental para min, ao que coñezo dende hai moitos anos e de seguro que sen a súa presenza a miña vida tería sido moi diferente”.

O conto literario

Iglesias comezou a súa intervención agardando “ser breve como o xénero que hoxe nos trae aquí”. O relato literario, dixo“é como unha cantiga ou un poema, escríbese dun tirón nunha especie de transo”, caracterízase pola súa brevidade pero iso non o fai mellor ou peor xa que “cada historia require a súa extensión, non hai que darlle moito crédito ás tallas porque todo depende do que queiras contar”. Unha das súas características fundamentais é “a expresión do eu, a maioría dos contos bos están narrados en primeira persoa”.
Segundo Iglesias existen dous tipos de contistas, os que confían “na espectacularidade da anécdota” como Edgar Allan Poe e “os narradores breves que aparentemente non contan nada pero que as súas historias están cheas de significado e agochan un problema moral”, caso de Hemingway e os seus discípulos.
O conto literario é diferente do popular xa que este último caracterízase por ser un relato didáctico e universal, “na zona europea e asiática compartimos boa parte desta tradición”. Exemplos do conto popular son O patiño feo, “que nos ensina que a beleza non o é todo”, ou Hansel e Gretel “que amosa que no mundo existe xente ruín”.
Finalizadas estas explicacións chegou o momento máis entretido, o momento de pasar a práctica polo que Iglesias deleitou aos asistentes con varias historias e unha vez chegados ao fin, “conto contado, burro aparellado, agora que conte outro quen teño ao lado”.

Un escritor ourensán

Nado en Coles, na provincia de Ourense, no ano 1957, o escritor Bieito Iglesias Araúxo é unha das grandes voces da narrativa contemporánea de Galicia. A súa faceta no mundo das letras abrangue moitos ámbitos, aínda que é na narrativa onde se atopa o seu traballo máis amplo. É colaborador literario de publicacións como La Voz de Galicia, Tempos novos e Dorna; como tradutor realizou a versión galega, xunto con Manuel Vázquez, da serie de Sherlock Holmes e como ensaísta participou no volume Catro ensaios sobre a esquerda nacionalista. No mundo da narrativa ten publicadas varias novelas e relatos entre os que se contan Miss Ourense, A historia escríbese de noite e Bajo las más bellas estrellas, premio Ciudad de Salamanca no ano 1999.