DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A súa proposta é un mural escultórico a realizar en cerámica, serigrafía e ferro

Un escultor xeorxiano gaña o I Concurso de Intervención Artística do campus

O deseño farase sobre o muro da fachada superior da Biblioteca Central

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Raquel Feijóo DUVI 27/04/2010

O escultor xeorxiano Lasha Makharadze é o gañador do I Concurso de Intervención Artística cun proxecto escultórico titulado Formas Naturais a realizar en cerámica, serigrafía e ferro. A súa obra está constituída por tres pezas de mosquito distintas, outras tantas con forma rectangular e tres máis redondas e localizarase sobre o muro da fachada superior da Biblioteca Central que posúe unhas medidas de 18,45 metros de lonxitude e 3,50 metros de altura. Makharadze explica que para levar adiante este deseño baseouse nunha fotografía do edificio e no entorno no que se atopa. Segundo explica, “o edificio posúe un estilo minimalista polo que quixen facer unha proposta sinxela e natural. Tamén tiven moi en conta o entorno que o rodea, con moita natureza, polo que tentei facer unha composición que servira como medio de conexión entre a construción arquitectónica e o medio ambiente exterior”, declara. No seu deseño os mosquitos aparecen libando un collage formado por moitas letras, unha obra coa que o escultor quere amosar “a necesidade de saber e de adquirir cada día novos coñecementos nun centro como é unha biblioteca”. O xurado valorou moi especialmente da composición a conexión co ámbito no que se plasmará o traballo, a interacción co edificio do que vai formar parte e a utilización de materiais que contribúen a sustentabilidade ambiental.

O gañador amósase “moi contento” co premio

Na actualidade, Lasha Makharadze estuda o segundo curso académico na Escola de Arte Francisco Alcántara, de Madrid e amósase “moi contento” de ter recibido este premio. “Estudei Belas Artes en pintura e este é o segundo ano que me estou a formar en escultura polo que este galardón anímame a continuar por este camiño con máis ganas. Recibir este premio é importante tamén porque vai supor que a miña obra estea na fachada dun edificio bonito dende o punto de vista arquitectónico e moi importante pola súa repercusión social xa que cada día van ser moitas as persoas que vexan a miña obra nun espazo académico como é a universidade”, declara.

Un certame dotado con 3000 euros

O I Concurso de Intervención Artística é un certame organizad pola Vicerreitoría do campus coa colaboración da Agrupación de Libreiros de Ourense que ten por obxecto a revalorización dos espazos do campus ao tempo que se lle amosan á cidadanía novas linguaxes creadoras. O certame está dotado cun único premio de 3000 euros. A organización presentaralle ao gañador, Lasha Makharadze, o muro branqueado e listo para realizar o traballo mentres que este deberá achegar o material e as estruturas necesarias para levalo adiante.