DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A exposición reúne unha selección de obras feitas por Florencio de Arboiro no hospital de Toén

Esculturas en bronce amosan as pegadas dun psiquiátrico nunha mostra sobre a loucura

As obras permanecerán na Facultade de Ciencias da Educación durante tres meses

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Raquel Feijóo DUVI 01/02/2010

Baixo o título A pegada dun psiquiátrico, a Facultade de Ciencias da Educación inaugurou este luns unha exposición que reúne 20 pezas feitas polo etnógrafo e escultor ourensán Florencio de Arboiro e inspiradas na loucura. As obras foron realizadas polo artista durante os anos que traballou como mestre do Obradoiro de Laborterapia e Artes Plásticas do Hospital Psiquiátrico Cabaleiro Goás de Toén e compleméntanse cunha selección de obxectos do centro entre os que se atopan unha antiga cama de hospitalización, unha camisa de forza, unha antiga vitrina médica e vellas maletas de internos, entre outros.
A inauguración da mostra contou coa participación de propio escultor e autor das obras, Florencio de Arboiro, que estivo acompañado polo vicerreitor do campus de Ourense, Juan Francisco Gálvez, e a decana e vicedecano do centro, Mercedes Suárez e Xosé Manuel Cid. A exposición permanecerá na sala de lectura da facultade durante tres meses, tempo no que se van desenvolver tamén outras actividades paralelas vinculadas coa iniciativa como unha homenaxe ao doutor Cabaleiro Goás e tamén ao propio escultor Florencio de Arboiro, así como conferencias de médicos e pacientes que pasaron polo centro.

Unha obra escultórica marcada polo contacto cos internos do hospital psiquiátrico

Florencio de Arboiro explica que os anos que traballou como mestre no Hospital Psiquiátrico de Toén marcaron boa parte da súa obra escultórica. Alí dirixiu o Obradoiro de Laborterapia de Artes Plásticas, un lugar onde mantivo longas conversas cos enfermos do hospital e que lle permitiu coñecer os seus pensamentos e inquietudes. Todo isto refléxase agora nas esculturas da mostra. Unha das máis impactantes é a que leva por título Autoaxustizamento, unha peza que conta a historia dun paciente que, arrepentido por un roubo que cometera, amputouse os dedos da man cunha pedra. Outra das pezas é O Feroz, unha figura que reflexa os pensamentos dun interno que consideraba aos demais internos do centro como “lixo e esterco” e que defendía que el era o único cordo. Florencio de Arboiro represéntao na escultura utilizando unha vasoira como se fose un fusil para “eliminar” aos demais internos. Outra das obras que recolle este peculiar xeito de ver a vida é a titulada O Pipas, reflexo dun paciente do centro que era un fumador empedernido. Segundo conta o escultor, “cando o doutor lle advertía que o tabaco era malo para a saúde el comentaba: o médico non sabe o que di. E cando un enfermo fumador falecía a causa do tabaco dicía que era porque non sabía fumar”.

Unha reflexión sobre a loucura a través dos obxectos do centro

A mostra compleméntase cunha selección de obxectos do Hospital Psiquiátrico de Toén. Entre eles atópase unha antiga cama de hospitalización sobre a cal hai unha manta inmovilizadora que se empregaba na terapia da cura do sono. Florencio de Arboiro explica que no Obradoiro de Terapia Ocupacional que el dirixiu durante anos “os internos foron pegando antigas chaves do psiquiátrico nunha vella porta dun pavillón abandonado”. Aquela porta forma parte tamén da exposición como unha obra escultórica mais. Igual de curiosa é a obra que se atopa na entrada da sala de lectura da facultade, a antiga porta de seguridade dunha celda. Conta o escultor que “no transcurso dun brote psicótico un interno afundiu a porta a patadas. Eu tentei evocar aquel momento engadindo un pé de bronce á peza”.
O artista concibe esta exposición como unha homenaxe a todas as persoas que desenvolveron a súa actividade profesional no Hospital Psiquiátrico de Toén e tamén aos internos do centro. O seu obxectivo fundamental é provocar unha reflexión no espectador. Nas súas palabras, “espero que esta exposición invite ao observador a meditar no feito de que non son todos os que están nin están todos os que son”, declara.