DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Grazas ao proxecto ‘PowerHouse Europe Connected’ no que participaron cinco estudantes da escola

Esdemga amplía o seu horizonte internacional

Lola Dopico, que fai un balance moi positivo da viaxe, iniciou contactos con centros de Istambul ou

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijóo DUVI 24/05/2012

Os cinco alumnos e alumnas de Esdemga, Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda de Galicia, que participaron no proxecto europeo de deseño téxtil PowerHouse Europe Connected, xa están de volta en Pontevedra coa maleta “chea de experiencias e de contactos”. Tras permanecer a semana pasada no pobo francés de Wesserling formando parte dun encontro multicultural con estudantes doutras 10 escolas de deseño europeas, o alumnado asistente fai un balance moi positivo da estancia “que serviu para establecer contactos internacionais válidos para toda a vida profesional”, salienta Lola Dopico, directora de Esdemga, que acompañou aos seus estudantes a Francia.

Esta iniciativa europea, na que Esdemga era a única representante española, facilitou que a escola dese pasos a favor da ampliación das súas miras internacionais, establecendo comunicacións e nexos con centros de longa tradición na formación en moda e deseño. “Fomos quen de establecer relacións de futuro baseadas nun coñecemento de traballo, isto é, tras comprobar en directo as dinámicas de cada un, e coido que foi un encontro que dará os seus froitos en materia de intercambio de alumnado e profesorado con cidades tan interesantes como Istambul ou Sofía”, explica a directora de Esdemga. A pesar dos diferentes perfís das titulacións participantes de Brasil, Hungría, Francia, Finlandia, Estonia, Eslovaquia, Polonia, Alemaña ou Turquía, unhas especializadas no deseño téxtil e outras máis focalizadas na moda, o entendemento “foi perfecto”, tanto é así que algunhas como a turca ou a estona “están moi interesadas en colaborar con nós xa que están apostando polo eido da moda”, engade Dopico.

Para Esdemga este convite "foi un orgullo e a constatación de que o centro vai polo bo camiño”, valorando non só o feito de asistir, senón o de ser seleccionados expresamente pola organización para participar no proxecto. Estas andainas internacionais “son sinónimo de que estamos facendo ben o noso traballo e que se nos coñecen fóra das nosas fronteiras”, ao mesmo tempo que mostran en directo a actitude e a disposición do alumnado de Esdemga nun contexto diferente e novo “o que tamén axuda a definir o posicionamento da escola e a proxección profesional do estudantado”, reflexiona Dopico.

Un reto multicultural

Os verdadeiros protagonistas desta experiencia foron Raquel Álvarez, Alicia Rea, Elena Rial, Laura Garre e Jairo Rodríguez, os cinco estudantes seleccionados por Esdemga para viaxar a Wesserling. Cada un deles formou parte dun grupo multicultural que levou á práctica cadansúa proposta de instalación téxtil para a PowerHouse, a nave antigamente dedicada a surtir de enerxía ao polígono industrial do pobo francés. Guiados por un titor, deseñaron durante cinco días a proposta que logo foi presentada publicamente ante os medios de comunicación e profesionais do lugar. “A dinámica de traballo foi moi enriquecedora xa que tivemos que facer equipo con persoas coas que nunca falaramos e de distintas culturas, coñecendo outras formas de pensar e de orientar futuros proxectos”, resalta Raquel Álvarez, que traballou cóbado con cóbado con compañeiras de Bulgaria, Finlandia, Polonia ou Francia. Confesa que moitos dos asistentes tiñan unha formación moi especializada na elaboración de tecidos e de estampados “pero uns vamos da man dos outros polo que o entendemento foi continuo”, engade.

Para Lola Dopico, esta viaxe foi “todo un reto para os nosos alumnos e alumnas”, tanto no proceso de ideación, de contextualización e de materialización da idea, “que lles vén moi ben para que se decaten dos distintos perfís profesionais da contorna”. Cada grupo “vestiu” á fábrica con diferentes propostas, coa estampación de 100 metros de tecido, con cubos brancos e negros ao longo da altura das escaleiras, con iluminación a base de luces de cores, con estruturas elaboradas a partir de cordas... “Todas as obras tiñan un grande interese, tanto polos materiais como polas técnicas empregadas”, apunta Dopico.

Este proxecto europeo estivo liderado pola Rooms for free association, o mesmo organismo que convidou en anteriores ocasións a Esdemga a participar na feira europea Heimtextil de Frankfurt. Desta volta a asociación, en colaboración cunha agrupación de empresas do sector téxtil francés, organizou este intercambio no pobo de Wesserling, unha pequena vila no noroeste francés cunha enorme tradición téxtil que reconverteu o seu antigo polígono industrial en espazo para exposicións e organización de eventos.