DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Elena Rial, Eva Soto e Laura González presentaron as súas coleccións neste desfile para novos talent

Esdemga brilla con con luz propia no Ego da Madrid Fashion Week

O titulado Rafael Cameselle participou, co deseño dun xersei, no New Talent Shop desta pasarela

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI 17/09/2014

Estudantes e titulados de escolas de moda de toda España presentan cada semestre as súas coleccións ao proceso de selección do Ego, a plataforma para novos talentos da Mercedes-Benz Madrid Fashion Week, onde os Estudos de Moda e Deseño Téxtil de Galiza (Esdemga) brillaron este martes con luz propia. Non en van, só foron nove os deseñadores e deseñadoras finalmente seleccionados para presentar as súas coleccións na xornada de clausura da edición número 60 desta prestixiosa pasarela, e nada menos que tres forxaran o seu talento nas aulas da Universidade. Eva Soto, Elena Rial e Laura González, Waverley, foron as tres representantes de Esdemga nun evento que centra as miradas dos principais referentes do sector da moda en España, motivo polo que as tres tituladas coinciden en sinalalo como un grande escaparate que achegará unha maior proxección as súas traxectorias profesionais.

A primeira experiencia nunha contorna profesional

“Presentar a túa colección en Madrid, diante de tanta xente, é unha grande experiencia”, destaca Elena Rial, que na tarde do martes puido amosar en Cibeles as súas Vivian Girls, unha colección baseada no traballo de fin de estudos co que fora premiada na última edición de Debut. “Tes que estar varios días antes en Madrid para probar as prendas coas modelos e facer os últimos retoques, pero logo, o día do desfile pasa todo moi rápido”, recoñece esta viguesa, que amosa a súa satisfacción polas “boas impresións” que xeraron os deseños que elaborou inspirándose na obra de Henry Darger. “Ao acabar o desfile viu moita xente felicitarme, a verdade é que estou moi contenta”, engade Rial, que salienta a proxección que o Ego supón para o seu labor, xa que “permite que moita xente poida ver o teu traballo, co que amplías moito o teu público”.

Nunha liña similar pronúnciase a súa compañeira de promoción Laura González, que baixo o pseudónimo de Waverley achegou ao Ego I killed the teen dream, unha versión ampliada do seu traballo de fin de estudos. “Foi algo xenial, pasas do Debut a un desfile totalmente profesional”, destaca esta deseñadora asturiana, que compartiu desfile dobre co gañador do premio Mercedes-Benz Fashion Talent, David Catalán. Xunto ao premiado, Leonor Pando e Beatriz Peñalver, Rial e Waverley completaron o abano de deseñadores que se estreaban na presente edición desta plataforma para novos talentos, da que esta asturiana marcha con verbas de satisfacción e esperanza. “A verdade é que moito traballo, pero merece a pena”, afirma González, que recoñece que, tralas probas de vestiario do día anterior, a propia tarde do desfile “foi moi tranquila”, pese ao “gran cambio que supón polas modelos, pola organización, por toda a prensa que vén...” Tralo desfile, admite, “houbo moi pouco tempo” para coñecer as impresións que causaron uns deseños que abordan “a morte adolescente” tomando como inspiración algún dos “tópicos da cultura americana, como a comida rápida, California, o culto ás deportivas ou a obsesión pola fama e a beleza”.

A última visita ao Ego de Eva Soto

Xunto aos cinco deseñadores que se estreaban no Ego, a última xornada da Madrid Fashion Week completouse cos desfiles de catro creadores que xa participaran previamente nesta plataforma para novos talentos, Miguel Álex, Víctor Von Schwarz, Pol e a cambadesa Eva Soto, que onte viviu a súa última experiencia no Ego. “Só che deixan presentarte un máximo de tres veces”, explica esta titulada en Esdemga, que xa fora seleccionada nos anos 2012 e 2013. Nesta ocasión, Soto chegou a Esdemga con Recuerdos, unha colección inspirada nas formas e o funcionamento do cerebro e definida polo uso de cores fortes nunhas prendas compostas por unha única peza de tea pregada sucesivas veces. “Estou moi contenta, xa que todo saíu moi ben”, salienta esta alumna da promoción de 2008 de Esdemga, que incide tamén na difusión que esta pasarela supón para o seu traballo, o que se suma a éxitos recentes como o premio que vén de obter no Concurso Internacional de Vestidos de Papel de Güeñes.

A primeira prenda que chega ao mercado

Outro titulado da última promoción de Esdemga que pasou nestes días polo Ifema, onde se desenvolve a Madrid Fashion Week, é Rafael J. Cameselle. Medio ano despois de presentar no Ego a súa colección Antígona, este deseñador vigués retornou á Madrid como un dos seleccionados para o New Talent Shop, unha iniciativa promovida polo portal Ebay no seo desta pasarela. “A raíz da colección de Ego, puxéronse en contacto comigo para participar neste proxecto, que consiste no deseño dunha prenda comercial que se pon á venda a través de Internet”, explica Cameselle. Concretamente, tratábase de crear un xersei, para o que este titulado retomou os patróns de Antígona, cos que creou unha prenda que mantén “o mesmo tipo de estampados, pintados a man, de flores de camelia”. A edición limitada de 21 pezas que Cameselle presentou na Madrid Fashion Week e que permanecerá á venda a “un prezo moi axustado” durante todo o mes, constituíu ademais a primeira oportunidade de comercializar unha das súas creacións. Por ese motivo, define o seu segundo paso por Cibeles como “unha nova oportunidade para que vaian saíndo cousas e para a que xente poida ver os teus deseños”.