DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promove a súa titulación no espazo Campus, sendo o único centro español convidado nesta edición

Esdemga busca colaboracións internacionais na maior feira europea do deseño, a Heimtextil de Frankfurt

Iria Martínez e Patricia Gago, que participaron no Debut09, son a súa carta de presentación

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Esmeralda L. Castro DUVI 11/01/2010

Unha delegación de Esdemga, co apoio da Vicerreitoría de Relacións Institucionais, aterra hoxe na Heimtextil de Frankfurt -a maior feira europea dedicada ao deseño téxtil, á moda e á decoración de interiores-, co obxectivo de darse a coñecer no mundo e xerar contactos de interese tanto para a Universidade de Vigo coma para os estudantes. Compoñen a representación a profesora Rocío Gómez Juncal, tamén coordinadora de relacións externas de Esdemga, e as alumnas xa tituladas Iria Martínez e Patricia Gago, que presentaron os seus respectivos proxectos de fin de estudos na pasarela Debut09.
A escola foi convidada a participar na sección Campus, un foro internacional de intercambio entre universidades con títulos de deseño. Para Rocío Gómez “este convite é un orgullo e a constatación de que o centro vai polo bo camiño”. A profesora valora non só o feito de asistir, senón o de ter sido seleccionados para intervir nun encontro que a pasada edición contou coa Escola de Amberes que, segundo Gómez, “é, xunto coa Parson de Nova York e a Saint Martins de Londres, a máis relevante do mundo”. Debido á súa curta traxectoria a escola ten que facer un grande esforzo para acadar visibilidade e estar presente en eventos como Cibeles ou agora na ITS de Trieste, a onde viaxará a ex alumna e gañadora da última edición de El Ego de Cibeles, Amai Rodríguez. “Foi a través destas actividades que os propios organizadores da Heimtextil coñeceron o noso traballo e se interesaron por nós”, sinala a profesora e engade “que nos chamen a nós con só cinco anos de historia ao carón doutros centros que levan máis de trinta xa é todo un éxito”. Este ano Esdemga é o único centro español que participa e comparte espazo con outras quince escolas de Austria, Bulgaria, República Checa, Estonia, Dinamarca, Finlandia, Francia, Hungría, Polonia, Eslovaquia, Turquía e Alemaña.

Un ambiente fluído, propicio para establecer contactos

Na súa sección Campus a Heimtextil convida, ademais dun profesor, a dous estudantes en representación de cada universidade. Ante esta posibilidade Esdemga decidiu premiar aqueles traballos de fin de carreira que consideran interesantes e que no Debut09, valorado por un xurado externo, non foron premiados. Iria Martínez e Patricia Gago serán nesta ocasión a súa carta de presentación. As dúas acaban de rematar a titulación, polo que levarán a Alemaña material relativo aos seus traballos de fin de carreira. Ademais do propio foro e intercambio que se pode xerar dentro da sección Campus, organízanse encontros e mesas de traballo que reciben aos estudantes e aos novos deseñadores nos demais edificios nos que están as empresas e os grandes deseñadores, podendo así tomar contacto con posibles compradores e contratadores.
Iria Martínez imaxina Heimtextil como “un ambiente moi fluído, con moito movemento e cor”. Coa máxima receptividade ante a ocasión que lle brindan, espera facer múltiples contactos, ver as ofertas e posibilidades para ampliar a formación no estranxeiro, coñecer a xente importante e “quen sabe, ao mellor tamén sae algún traballo”. Pola súa parte, Patricia Gago resalta o orgullo persoal de ser elixida e, alén de atopar oportunidades incribles, confórmase con que o seu proxecto guste e xere interese. Así mesmo, valora “o mero feito de poder ver o que se está facendo noutros países, algo que aquí non é tan fácil, e seguir aprendendo”.
As dúas presentaron ao Debut09 coleccións masculinas. Patricia inspirouse nos trapecistas e funambulistas, e, partindo da súa vida nómade, pensou prendas resistentes á intemperie con tecidos impermeables. Hoop ii podla, que así se titula o seu traballo, mestura cor, natureza e referencias á música do grupo islandés Sigur Rós para facer parcas e capuchas como carpas de circo, nas que o principal elemento son as cordas. Iria partiu dunha colaboración coa marca Umbro, polo que combinou o mundo do fútbol co dos superheroes, para crear un estilismos deportivos e informais. Deulle unha especial importancia á estampación gráfica, transformando o logotipo da marca e fundíndoo coa tea de araña de Spiderman. Mesmo gravou un balón de cristal coa mítica frase de Umbro: “modern football culture brand”.

Unha oportunidade para atopar prácticas no estranxeiro

Heimtextil funciona como unha plataforma de presentación do que se fai en Europa para todo o mundo, polo que nela se reúnen produtores e compradores non só europeos, senón tamén de Asia e América. Por isto Rocío Gómez, que ademais de impartir clases coordina en Esdemga as prácticas en empresas e as relacións con outras escolas, ve esta cita como “unha grande oportunidade para abrir o mercado, atopar prácticas no estranxeiro e colaboracións e intercambios conxuntos con outras escolas, como o que xa existe coa Saint Martins”.
O espazo no que se desenvolve a feira é un gran recinto con diferentes instalacións, que funciona como unha minicidade e que alberga unha sección diferente en cada edificio, un deles dedicado exclusivamente ao Campus, polo que a profesora considera tamén de interese ver “como se manexa a xente dentro destes eventos, que adoitan ser moi restrinxidos e de difícil acceso”.
A montaxe está condicionada pola homoxeneidade que require toda a sección Campus. Cada escola debe restrinxir a súa presentación a unha serie de paneis de 1,60 por 2 metros. Esdemga recollerá nun deles toda a información relativa á escola, ao seu plan curricular, a súa localización, as súas instalacións, etc. Nos restantes incluirán unha mostra fotográfica dos proxectos elixidos. Así mesmo disporán de varios ordenadores para amosar todos os recursos web dos que dispón o centro e os logos tanto da titulación como da Universidade incluiranse en banners espallados por distintos puntos do recinto.