DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Esther Lebrato, Paula Arnoso e Victoria Monasterio amosarán os seus deseños en Madrid

Esdemga consolida a súa presenza no Ego de Cibeles

Ademais, a titulación terá representación na Mostra Nacional de Novos Creadores de Cantabria

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
DUVI 17/09/2010

A Escola de Deseño Téxtil e Moda do campus de Pontevedra volve a estar representada poloas súas tituladas nos máis prestixiosos desfiles do territorio nacional. As deseñadoras Esther Lebrato, Paula Arnoso e Victoria Monasterio presentarán as súas coleccións no Ego de Cibeles Madrid Fashion Week, un espazo dirixido ás novas promesas do deseño en moda, o que suporá unha oportunidade para amosar as súas creacións nun escaparate de proxección internacional. É a sexta vez que Esdemga está presente en esta pasarela de Cibeles e será a primeira que participe na Mostra Nacional de Novos Creadores de Cantabria en tres categorías, roupa, baño e complementos, da man da alumna, Eva Soto.

Esther Lebrato, Paula Arnoso e Victoria Monasterio van ser as encargadas de amosar o seu talento en esta nova edición do Ego de Cibeles. Este venres é a quenda a Esther Lebrato, que con unha colección coa que gañara xa o premio áccesit no desfile Debut 09, presenta na pasarela uns deseños que destacan polo seu dominio do debuxo, decorando as súas prendas con grafismos feitos á man e acompañados de complementos de porcelana. Trátase dun proxecto que retrata a figura do coleccionista, unha proposta para home tomando referencias literarias e cinematográficas, “un personaxe excéntrico, maníaco, megalómano e avaricioso”, en palabras da deseñadora.

Por outra banda, Paula Arnoso e Victoria Monasterio expoñen por primeira vez as súas creacións nun “escaparate” de carácter internacional. A súa participación trasládase da pasarela ao showroom do Ego Cibeles dende este venres ata o 22 de setembro, tempo no que o público se poderá achegar ás súas creación. Mentres que Paula tomou para os seus deseños referencias cinematográficas do filme O coleccionista de William Wyler (tanto pola ambientación británica, como pola presenza de bolboretas que o envolven todo), na colección de Victoria Monasterio “resoa todo o glamour e a elegancia da diva berlinesa Marlene Dietrich, que resulta ao tempo duro á par que luxoso, robusto e sutil, masculino á par que feminino, androxinia asexuada ao tempo que sexi”, segundo as descricións de Lola Dopico, directora de Esdemga, recollidas na publicación Debut 09.

Presenza na Mostra Nacional de Novos Deseñadores de Cantabria

Paralelamente, Eva Soto terá a oportunidade de promocionar a súa creación artística o vindeiro 25 de setembro na Mostra Nacional de Novos Deseñadores, que terá lugar no Pazo de Exposicións e Congresos de Santander. Concursará nas tres modalidades convocadas, roupa, traxe de baño e complementos, coas coleccións que levan o nome de El Pájaro, Origami e Flecos. A directora de Esdemga defínea como “apaixonada da costrución artesanal, traballa co lado máis doce do coleccionismo, baleirando paxaros do natural en caramelo e erguendo nun imposible equilibrio vertical tocados dunha beleza que se estraña de si mesma”.