DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na XIII edición participan cinco alumnos formados na escola, o maior número ata o momento

Esdemga faise grande no Ego de Cibeles

D. Del Río e M. Castro súbense á pasarela e M. Ferrer, M. Bastón e V. Monasterio interveñen no showr

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijóo DUVI 30/01/2012

A presenza de Esdemga, Estudos Superiores de Deseño Téxtil e Moda de Galiza, no Ego de Cibeles vai a máis. Na edición na que a pasarela estrea nome co patrocinio de Mercedes-Benz, a escola pontevedresa contará coa maior representación da súa historia no máis prestixioso espazo para as novas promesas da moda ao participar cinco deseñadores que se formaron nas súas aulas. Son David del Río e Mercedes Castro, por unha banda, que o vindeiro 5 de febreiro se subirán á pasarela e, por outra, Mónica Bastón, Victoria Monasterio e a estudante de terceiro curso Marta Ferrer, que amosarán as súas creacións e deseños ao público no showroom do desfile.

Os representantes de Esdemga viaxan a Madrid co soño cumprido de ser admitidos en Ego Cibeles “e coa satisfacción persoal de poder ensinar o teu traballo dende unha plataforma nacional”, salienta David del Río, gañador de Debut 2011. Engade que xa polo mero feito de participar no desfile “xa espertas o interese de moitos fotógrafos e estilistas que se molestan en investigar sobre a túa traxectoria” abrindo a porta a publicacións sobre os deseños en medios especializados. Mercedes Castro amósase moi cautelosa coas súas expectativas pois é consciente de que formar parte desta edición de Ego “non é garantía de nada” xa que para ela a moda é un proxecto “de longo percorrido”. Aínda así si que coincide con Del Río en sinalar que o seu paso por Cibeles permitiralle darse a coñecer no eido nacional.

Continuación do amosado en Debut

David Del Río e Mercedes Castro, alumnos da última promoción de Esdemga, someteranse á crítica especializada cunha ampliación das coleccións que xa presentaran en Debut 2011 en novembro de 2011. A proposta que mostrará Del Río, Manhattan Transfer, xa lle fixo gañador de Debut pero tentará sorprender “cun mix” de 12 estilismos nos que se mesture espectáculo con prendas “máis comerciais que axuden a subvencionar o máis experimental”, engade. Mantén a súa reinterpretación da moda dos anos 20 engadíndolle pezas confeccionadas a partir de alfombras cunha importante presenza de pregos e bordados e co verde, vermello, laranxa e morado como cores predominantes. Ofrece unha proposta unisex “con siluetas moi femininas para elas e xastrería clásica e andróxina para eles” con moitos acabados brillantes e pedrería “simbolizando a tolemia que se viviu durante os anos 20”.

Pola súa banda, Mercedes Castro presentará unha colección en punto “totalmente tecida a man” na que xoga un papel predominante os bordados e os jaquards “artesanais”. Igual que no caso de Del Río, a colección de Castro tamén é unha continuación do presentado en Debut, pero engadíndolle novas prendas femininas. Gústalle xogar coa ambigüidade dos seus estilismos “sen xénero definido, facéndoa máis interesante ao facer dubidar se a roupa é de home ou de muller”, aclara.

Con marca propia xa dende terceiro curso

Marta Ferrer, Victoria Monasterio e Mónica Bastón veranse a cara directamente coa opinión do público ao expor as súas marcas propias no showroom de Cibeles. Ferrer, estudante de terceiro curso de Esdemga, presentará Nopika con propostas orixinais e únicas coa ilustración como verdadeira protagonista. “Espero contactar con xente e darnos a coñecer, ademais de pór en circulación a marca”, apunta. Mónica Bastón, alumna da primeira promoción participará cos seus novos deseños en complementos e Victoria Monasterio, que xa estivo en anteriores edicións, amosará estilismos de Twist Collection, a súa máis recente achega.

Para estes novos talentos da moda non existe unha fórmula “máxica” para o éxito profesional, “simplemente moito traballo, sacrificio e esforzo”, apunta Mercedes Castro. Canto máis se achega o 5 de febreiro, máis nervios teñen “xa que queres ter todo controlado e a punto”, asegura David Del Río.