DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foi un dos seis centros seleccionados para a última fase dunha competición organizada por Trendipia

Esdemga faise un oco na final dun concurso estatal de escolas de moda

Un grupo de alumnas e tituladas deseñará unha colección para optar a un premio de 50.000 euros

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI 05/11/2014

Human 2.0 é o nome do proxecto que vén de levar aos Estudos Superiores de Deseño Téxtil e Moda de Galiza (Esdemga) a obter o pase á final da primeira Competición Nacional de Escolas de Moda Talento & Co, que organiza a plataforma Trendipia. As alumnas Paula Sobrino, Tatiana Rico e Raquel Chapela e as tituladas Pilar Ullod e Carlota Pérez crearon para este concurso o proxecto dunha colección de moda feminina pensada para vestir “á muller do futuro”, que na xornada do luns convenceu ao xurado deste certame, encargado de seleccionar as seis escolas que competirán en xaneiro por un premio de 50.000 euros.

Foi ao longo da xornada do luns cando un xurado integrado por deseñadores, consultores e investigadores do mundo do téxtil puido coñecer os proxectos elaborados polos equipos dos doce centros de ensino que previamente obtiveran o pase ás semifinais desta competición e que estaban formados por alumnado de último curso e un máximo de dous titulados e tituladas. Tras debater "durante varias horas" posto que o nivel das propostas presentadas "superaba todas as expectativas", segundo sinalou a organización no fallo que se fixo público este mércores, foron seleccionados para a final, xunto con Esdemga, o Instituto Europeo de Deseño (IED), a Escola Universitaria de Deseño, Innovación e Tecnoloxía (Esne) de Madrid, a Escola Superior de Deseño (Esdi) de Sabadell, o Centro Universitario de Deseño Bau de Barcelona e EASD Mestre Mateo de Santiago de Compostela. Todas elas competirán agora polo triunfo final nunha competición que Trendipia organiza coa colaboración do grupo Inditex e na que ao premio económico, a dividir a partes iguais entre o centro e o grupo de traballo, súmase a posibilidade de elaborar unha ‘colección cápsula’, que será fabricada e comercializada pola empresa organizadora.

A responsabilidade de defender a colección que as cinco representantes de Esdemga deseñaron ao longo das últimas semanas, co equipo de deseño de Zara Woman como titores, correspondeu a Paula Sobrino, que se desprazou a Madrid para amosar ao xuardo tanto os bocexos de Human 2.0, “unha colección pensaba para unha época moi global, que engloba o uso das novas tecnoloxías”, como o proxecto de marca, imaxe corporativa e espazo de venda que tiveron que desenvolver na segunda fase deste concurso. “A verdade é que foi moi todo ben, aínda que estaba un pouco nerviosa, xa que só ían quedar seis e sabiamos que era bastante difícil”, apunta Sobrino, que se amosa “moi satisfeita” por ter conseguido o pase á última fase.

O momento de pasar dos papeis á realidade

Ao longo das diferentes etapas desta competición de escolas de moda, os equipos participantes enfróntanse ao reto de crear unha colección de moda desde cero. Por iso, trala idea xeral que tiveron que achegar na primeira fase e o deseño do proxecto das semifinais, agora chega o momento de pasar dos papeis á realidade. “Agora tócanos poñernos a confeccionar”, destaca Sobrino dun proceso que agardan con ilusión. De feito, para optar ao premio final, deberán elaborar como mínimo seis das propostas que integran a súa colección, que no mes de xaneiro terán que presentar en Madrid no acto final de Talento & Co. “Aínda teñen que especificarnos como vai ser o formato desta fase, pero o que xa temos claro é que nos queda moito traballo por diante”, conclúe esta alumna.