DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun obradoiro impartido pola artista Alyce Sontoro, creadora dun tecido feito cun 50% de cinta de ca

Esdemga integra son entre costura e costura

Os tres gañadores de Debut 2011 crearán un vestido en colaboración coa profesional

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 09/12/2011

A innovación na moda alcanza a súa máxima expresión en Esdemga coa organización o próximo martes 13 de decembro na Casa das Campás un obradoiro sobre tecido elaborado a partir de material sonoro que será impartido por Alyce Sontoro, principal referente na investigación sobre teas intelixentes. Este taller que se desenvolverá grazas ao apoio da Cidade da Cultura, complétase cunha presentación, ao día seguinte, dun vestido confeccionado con ese material, resultado dun proxecto de colaboración entre a artista americana e deseñadores galegos, entre os que se atopan os tres gañadores de Debut 2011, David del Río, Adrián Rivas e Antonio J. Santos. Unha iniciativa que segundo a dirección de Esdemga supón “unha vez máis unha aposta pola investigación, a mestizaxe, a innovación e a fusión das diferentes disciplinas artísticas”.

Sontoro visita Galicia para achegar aos deseñadores autóctonos o Sonic Fabric, un tecido sonoro feito cun 50% de cinta de casete reciclada e outro 50% de algodón que ademais de ser un tecido fermoso e duradeiro tamén é audible, pois pódese escoitar pasando o cabezal dun radiocasete pola superficie. Como resultado do traballo conxunto os tres titulados de Esdemga, xunto co resto de deseñadores participantes, presentarán o mércores 14 de decembro na Biblioteca da Cidade da Cultura as súas pezas de roupa e complementos confeccionados cos tecidos intelixentes de Alyce Sontoro.

Para este proxecto a artista americana traballou coa música e outros tipos de arquivos sonoros dixitais remitidos por un total de 50 bandas e músicos galegos, rexistros que gravou nunha cinta magnética, conseguindo o material en bruto. Posteriormente, esa tea especial foi enviada aos diferentes deseñadores galegos para que creasen as súas propostas de moda.

Paisaxes sonoras na Casa das Campás

Froito da colaboración entre Esdemga e a Cidade da Cultura, que xa cedeu este ano os seus espazos aos novos deseñadores para ambientar a publicación fotográfica das súas coleccións presentadas en Debut, impartirase na Casa das Campás un obradoiro dirixido pola propia Alyce Sontoro no que os asistentes crearán paisaxes sonoras a partir de gravacións realizadas na contorna. O taller constará de dúas partes, cunha primeira na que Sontoro amosará algúns exemplos de teas sonoras para concienciar das propiedades acústicas dos materiais e da importancia dos sons cotiás. A clase completarase cunha parte máis práctica na que o alumnado fará expedicións sonoras que logo se mesturarán e se pasarán a cintas de casete recicladas para crear un instrumento personalizado.

Neste obradoiro o estudantado será guiado a través dun proceso creativo no que se fomentará o emprego de técnicas de escoita da contorna, comprobando como o son e a música poden influír na imaxinación, intuición e creatividade de calquera disciplina artística. O período de matriculación estará aberto ata o vindeiro 12 de decembro cun total de 20 prazas dispoñibles que se distribuirán por rigorosa orde de inscrición.