DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A raíz dos contactos establecidos na feira Heimtextil de Frankfurt

Esdemga participará en dous proxectos para difundir o traballo dos estudantes en Europa

As iniciativas consisten nun concurso de ideas e nun programa de convivencia con alumnado de diferen

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Esmeralda L. Castro DUVI 21/01/2010
Unha semana despois da súa estancia en Frankfurt para participar na maior feira de deseño de Europa, a Heimtextil, a delegación de Esdemga fai un balance moi positivo da experiencia, sobre todo polos contactos establecidos con outras institucións académicas. “Para as persoas que asistimos foi unha experiencia moi valiosa tanto a nivel persoal como profesional”, sinala a profesora Rocío Gómez Juncal, que viaxou á cidade alemá acompañada das alumnas recén tituladas Iria Martínez e Patricia Gago. Gómez Juncal, que é a coordinadora de relacións externas da escola, destacou sobre todo a reunión mantida cos titores dos demais centros educativos, que se concretou na colaboración conxunta para poñer en marcha dous proxectos a través dos que difundir o traballo dos seus estudantes. En 2010 lanzarán un concurso de ideas a través dunha plataforma web e en 2011 desenvolverán un programa de convivencia entre alumnos e alumnas de distintas universidades.
A escola da Universidade de Vigo foi o único centro español convidado nesta edición da Heimtextil a participar na sección Campus, un foro internacional de intercambio entre universidades con títulos de deseño, onde compartiu espazo con outras quince escolas de Austria, Bulgaria, República Checa, Estonia, Dinamarca, Finlandia, Francia, Hungría, Polonia, Eslovaquia, Turquía e Alemaña. O primeiro dos proxectos acordados na reunión mantida entre os docentes, que esperan poder poñer en marcha dentro de dous meses, consistirá nunha plataforma web na que os estudantes poderán presentar os seus deseños nun concurso de ideas. Están analizando distintos xeitos de premiar os mellores proxectos, entre os que se inclúe a produción da colección ou unha estancia nunha empresa de deseño téxtil de renome en Europa.
Para o vindeiro ano queren poñer en marcha un programa de convivencia de estudantes de diferentes universidades para traballar en grupos sobre un mesmo tema. O obxectivo deste programa é abordar a montaxe dunha exposición intervindo un espazo, para o que se falou concretamente de varios polígonos industriais abandonados en cidades fronteirizas entre Francia e Alemaña e Francia e Holanda.

Contactos novos para o programa Erasmus

O obxectivo de Esdemga en Heimtextil era dar a coñecer o centro e traballo do seu alumnado e mais buscar colaboracións con outros centros educativos no estranxeiro. Cos dous proxectos devanditos, para os que xa se iniciaron as xestións, a escola dá por satisfeita a súa intervención neste encontro. Así e todo, Rocío Gómez destacou tamén que “se realizaron contactos moi interesantes con outras institucións académicas para desenvolver intercambios a través do programa Erasmus”.
Salientou tamén o achegamento que puideron experimentar as alumnas asistentes ao sector téxtil internacional e a distintas empresas. Heimtextil funciona como unha plataforma de presentación do que se fai en Europa en deseño téxtil, moda e decoración de interiores para todo o mundo, polo que nela se reúnen produtores e compradores non só europeos, senón tamén de Asia e América. Neste sentido, afirmou que diversos directores creativos, en concreto de Brasil e Alemaña, se interesaron polos proxectos dalgúns estudantes da escola para realizar campañas de publicidade.