DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A vindeira semana comezará a selección de modelos para un desfile que terá lugar o 27 de novembro

Esdemga prepara o Debut co que celebrará os seus dez anos de historia

Aos proxectos de fin de estudos sumaranse nesta edición os deseños de antigos alumnos e alumnas

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI 25/09/2014

O día para o que levan traballando moitos meses, o momento de amosar ao mundo o seu auténtico potencial como deseñadores e deseñadoras. Iso é o que simboliza para o alumnado dos Estudos Superiores de Deseño Téxtil e Moda de Galiza (Esdemga) o desfile Debut, "a súa festa de fin de estudos”, como a define a súa directora, Lola Dopico. A próxima semana, Esdemga iniciará a selección de modelos para a oitava edición deste desfile, que terá lugar o xoves 27 de novembro e que neste 2014, ademais de para amosar as coleccións que os futuros titulados e tituladas deseñaron como proxecto de fin de estudos, servirá tamén para celebrar o décimo aniversario da titulación.

“Aínda que dez anos sexan poucos, si que che permiten facer un pouco de memoria”, apunta Dopico, que anuncia que, ademais de acoller a presentación sobre a pasarela dos proxectos do alumnado, Debut 2014 servirá tamén para realizar unha “pequena homenaxe a eses dez anos de traxectoria” duns estudos que comezaron a impartirse no campus no curso 2004/2005. Por ese motivo, está previsto sumar á cita “a algúns dos estudantes que pasaron por aquí nas diferentes promocións e facer un pequeno desfile con eles como deseñadores convidados”, adianta Dopico.

O Pazo de Congresos será de novo o escenario dunha cita que “nos últimos anos logrou reunir a preto de 1800 persoas” e que, máis que como unha pasarela de moda, é entendida como “unha plataforma destinada a facilitar a saída dos estudantes ao ámbito do emprego e a creación”. Neste senso, Dopico fai énfase na “importante visibilidade” que esta cita achega aos futuros titulados e tituladas. “É un desfile que xa ten marcado na axenda toda a xente de recursos humanos das empresas do sector téxtil da contorna e para o que os alumnos realizan un esforzo moi importante e traballan con moita ilusión”, destaca a directora de Esdemga. Polo de agora, Debut 2014 aínda non ten confirmado o nome dos seus protagonistas, que serán aqueles alumnos e alumnas que se atopan actualmente elaborando o proxecto de fin de estudos e que dispoñen de prazo ata o 30 de outubro para entregar unha memoria do proxecto, último paso previo á súa inclusión no desfile.

Xunto ás súas coleccións e aos deseños dos titulados e tituladas que acudan como convidados, Debut completarase cunha selección de proxectos elaborados polo alumnado de primeiro e segundo curso de Esdemga. “Este ano, vanse introducir por primeira vez os traballos dos estudantes de primeiro, dos que faremos unha selección para facer un pase moi interesante e moi experimental”, adianta Dopico.

Debut busca modelos

Para levar a cabo este desfile, precisarase un ano máis da colaboración de preto de 40 persoas para que exerzan como modelos. Por ese motivo, Esdemga abrirá a vindeira semana un casting no que se convida a participar a todas as persoas interesadas. “O único que se lles pide ás persoas seleccionadas é que teñan unha altura e unhas medidas determinadas, que se adapten as características das prendas dos alumnos”, explica Marta Riera, adxunta á dirección de Esdemga. En horario de 11.00 a 14.00 horas de luns a venres e de 16.00 a 18.00 horas os luns, os despachos destes estudos, que se imparten na Facultade de Belas Artes, permanecerán abertos a todas aquelas persoas que queiran inscribirse, ás que se lles tomarán as medidas e se lles farán unhas fotos, para, días máis tarde, comunicarlles se entraron ou non na selección final. Non en van, isto “dependerá moito das necesidades de cada colección”, apunta Riera, que explica tamén que se lle entregará un agasallo a todas aquelas persoas que participen como modelos nesta pasarela.

A semana máis intensa do ano

Arredor do Debut organizaranse, un ano máis, outra serie de actividades complementarias que converten a semana do desfile na de maior actividade do ano en Esdemga. Nos tres días previos ao desfile, organizaranse no centro unha serie de talleres e conferencias que, como adianta Dopico, neste 2014 van estar centrados en boa medida “na relación entre arte, moda e tecnoloxía”. Nestes intres, a dirección do centro atópase traballando en pechar o programa desta semana, na que xa está confirmada a presenza da deseñadora canaria Elena Corchero, que presentará ao seu alumnado uns traballos “que se atopan precisamente a medio camiño entre a moda e a tecnoloxía”.

Pasado o momento do desfile, a semana do Debut pecharase o venres 28 cunha iniciativa dirixida a fomentar o contacto do alumnado cos profesionais. Aproveitando que o desfile congrega “a moita xente do sector, ofréceselle ás empresas a posibilidade de entrevistarse con aqueles estudantes que pensan que encaixan mellor nas súas liñas de traballo”, explica Dopico, que recoñece que da xuntanza que cada ano realizan entre os protagonistas de Debut e os representantes de firmas téxtiles “sempre xorde algunha oportunidade para os nosos estudantes”.