DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cinco estudantes participan na iniciativa 'PowerHouse Europe Connected' do 13 ao 20 de maio en Franc

Esdemga representará a España nun proxecto europeo de deseño téxtil

Crearanse grupos de traballo con alumnos de distinta procedencia para fomentar o intercambio cultura

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijóo DUVI 02/05/2012

Unha experiencia idílica. Así definiron os cinco alumnos e alumnas de Esdemga, Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda de Galiza, o proxecto PowerHouse Europe Connected, que os levará ao pobo francés de Wesserling do 13 ao 20 de maio para participar nun encontro multicultural con estudantes doutras 10 escolas de deseño europeas co obxectivo de desenvolver propostas téxtiles en equipo. Esta iniciativa internacional, na que Esdemga é a única representante española, supón unha excelente oportunidade para o alumnado "xa que, ademais do intercambio cultural, poderá coñecer as formas de traballo dos seus homólogos noutros países do continente”, explica a profesora Rocío Gómez Juncal.

Para Esdemga este convite "é un orgullo e a constatación de que o centro vai polo bo camiño”, sinala a profesora, valorando non só o feito de asistir, senón o de ser seleccionados expresamente pola organización para participar neste proxecto internacional. “Estar neste encontro é sinónimo de que nos coñecen e de que lle gustan as nosas propostas”, destacando ademais que este tipo de colaboracións axudan a proxectar a imaxe da escola no mercado internacional. Esdemga participa con outras dez titulacións de moda de Brasil, Hungría, Francia, Finlandia, Estonia, Eslovaquia, Polonia, Alemaña e Turquía e crearanse grupos de traballo de estudantes de diferente procedencia “co obxectivo de que sexan quen de levar a cabo un proxecto en equipo con compañeiros que teñen concepcións diferentes do deseño e da moda”.

Unha experiencia completa

Raquel Álvarez, Alicia Rea, Elena Rial, Laura Garre e Jairo Rodríguez foron os cinco alumnos seleccionados por Esdemga que viaxarán a Francia acompañados por Lola Dopico, directora de Esdemga. Todos os estudantes amósanse moi ilusionados e animados de formar parte deste encontro “xa que nos achegaremos a outras perspectivas e poderemos enriquecer o noso traballo con novas dinámicas”, comenta Raquel Álvarez en representación dos seus compañeiros. Deberán desenvolver unha proposta de instalación téxtil para as naves industrias do lugar, “unha creación moito máis artística e diferente do que acostumamos a facer na escola. Trátase de vestir unha nave industrial o que nos permite observar o mundo do deseño dende outros puntos de vista que logo nos poden inspirar para os nosos futuros proxectos”, engade a alumna.

Guiados por un titor que se lle asignará ao chegar, os grupos de alumnos e alumnas das diferentes escolas participantes deberán deseñar durante os cinco primeiros días a proposta de deseño que logo será presentada publicamente ante os medios de comunicación e profesionais do sector do lugar. Así mesmo, todas as creacións resultantes deste encontro cultural serán exhibidas nunha exposición que se manterá aberta ao público ata o vindeiro mes de setembro, “o que nos axudará a proxectarnos a nivel internacional”, apunta Raquel Álvarez.

Este proxecto europeo está liderado pola Rooms for free association, o mesmo organismo que convidou en anteriores ocasións a Esdemga a participar na feira europea Heimtextil de Frankfurt. Desta volta a asociación, en colaboración cunha agrupación de empresas do sector téxtil francés, organiza este intercambio internacional no pobo de Wesserling, unha pequena vila no noroeste francés cunha enorme tradición téxtil “que viu pechar todas as súas industrias en 2004, polo que decidiron aproveitar as fábricas como espazos para as exposicións e organización de eventos”, aclara Gómez Juncal. Así, ademais de fomentar o intercambio cultural e de visións entre as novas promesas do deseño, este proxecto tamén naceu como estratexia de promoción turística do lugar.