DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Terá lugar o 19 de outubro no Centro Social Novacaixagalicia

Esgotadas as prazas para participar no curso de comunicación para investigadores do Campus do Mar

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 10/10/2011
As 45 prazas ofertadas quedaron escasas para as solicitudes de participación no curso de comunicación para investigadores organizado polo Campus do Mar “grazas ao apoio e financiamento do Consello Social“, tal como destacou o director, Emilio Fernández, que subliñou que intentarán repetir este tipo de colaboración. Conscientes da importancia de ser quen de transmitir á sociedade os avances científicos e tecnolóxicos acadados, o curso porá ao día aos investigadores nas ferramentas básicas para transmitir á sociedade o coñecemento que xeran no seu día a día dun modo comprensible, atractivo e ameno. "O Campus do Mar conta cun programa específico de proxección social e, neste marco, é importante mostrarlle á sociedade a investigación que se está a facer", continuou Fernández, quen fixo fincapé na importancia de pór en contacto "os nosos investigadores cos profesionais da comunicación".

A cita será o 19 de outubro no Centro Social Novacaixagalicia e nela os investigadores do Campus do Mar terán a posibilidade de coñecer certas pautas para manter unha canle de comunicación fluída cos medios informativos e coa sociedade en xeral. Cun perfil moi variado no que se inclúen non só investigadores de eidos como as Ciencias do Mar e a Bioloxía, senón tamén de Tradución e Interpretación ou Enxeñaría de Telecomunicación, arredor do 60% dos matriculados son investigadores que traballan en diferentes centros da Universidade de Vigo, completando o listado persoal investigador das outras dúas universidades galegas, o CSIC, o CETMAR e, mesmo, a universidade portuguesa de Porto, entre outras institucións.

Obradoiros prácticos impartidos por xornalistas locais

O encontro, que se desenvolverá no Centro Social Novacaixagalicia, iniciarase coa intervención da xornalista especialista en Educación Milagros Asenjo, xefa de prensa da Universidade Rey Juan Carlos, que impartirá o relatorio A comunicación da ciencia á sociedade. Será a toma de contacto cun tema que se tratará máis polo miúdo nunha mesa redonda que contará coa intervención do decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, Xosé Pereira; do xornalista e columnista, Ernesto Sánchez-Pombo e do director e presentador de Efervescencia, programa de divulgación científica da Radio Galega, Manuel Vicente.

Divididos en pequenos grupos para facilitar o traballo práctico, o curso inclúe unha serie de obradoiros no que os investigadores recibirán pautas de diferentes xornalistas para saber como enfrontarse a unha entrevista, unha reportaxe ou unha rolda de prensa. Para esta tarefa contarase coa colaboración de tres xornalistas do ámbito local especialistas en temas de educación: Rocío Suárez, de Atlántico Diario; Sandra Penelas, de Faro de Vigo e Ángel Paniagua de La Voz de Galicia. "Son os compañeiros da prensa máis próximos que é con quen máis van interacturar", subliña o director do Campus do Mar.

A sesión da tarde queda reservada para os obradoiros de radio e televisión e, neste caso, serán xornalistas de Radio Vigo Grupo de Comunicación os encargados de amosarlle aos investigadores algún dos segredos dos medios audiovisuais.