DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A asociación aprobou nunha reunión anual o programa de actividades para o vindeiro curso

ESN quenta motores e prepara a chegada do alumnado Erasmus

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Iolanda Fernández DUVI 16/07/2013

Todo listo na asociación Erasmus Student Network Vigo, ESN Vigo, para recibir aos novos estudantes de intercambio que entre os meses de agosto e setembro aterrarán por primeira vez nos campus de Vigo, Ourense e Pontevedra. Como proposta para adaptárense o máis rápido posible a unha cidade e a un país aínda por coñecer, ESN proponlles a estes novos alumnos e alumnas da universidade mergullarse no día a día da comunidade universitaria. Para iso, a asociación convidaraos a afastárense momentaneamente dos apuntamentos e das prácticas académicas para participaren en festas temáticas, ver filmes de fondo contido social e didáctico ou simplemente desconectar do estrés das aulas apuntándose a clases de baile, gozando de longas noites de karaoke en boa compañía ou mesmo pasando unha tarde xogando unha partida de birlos.

Pero non todo ía ser troula para estes estudantes, logo do éxito da Social Erasmus Week nos últimos anos, a asociación volve a apostar por ofrecerlles aos mozos e mozas “unha oferta didáctica diferente na que a solidariedade, a reforestación dos montes da zona, concienciar á sociedade da necesidade de doar sangue ou organizar coloquios cos propios estudantes estranxeiros como protagonistas nos distintos centros de ensino medio centra boa parte do seu programa”, salienta o presidente de ESN Francisco Blanco.

Coñecer Galicia pouco a pouco

Seguindo coa súa liña de traballo habitual, ESN acordou, a pasada fin de semana, no marco da súa reunión anual, Home Meeting, continuar coa oferta cultural e lúdica que estiveron desenvolvendo nestes últimos anos. Visitas guiadas a diferentes zonas de Galicia como as cidades de Coruña, Lugo e Santiago, e tamén a lugares tan emblemáticos como as Illas Cíes e Ons ou as localidades de Cangas ou Baiona. Son os espazos elixidos para que os estudantes Erasmus coñezan máis de preto a maxia e o encanto dun país cheo de contrastes como é Galicia, segundo destacan desde Erasmus Student Network Vigo. A maiores, tamén está previsto, dentro do marco de actividades que se organizan a nivel nacional, que a asociación realice sendas viaxes a Madrid e a Eivissa.