DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na actualidade forman parte da asociación case 30 voluntarias e voluntarios

ESN Vigo arranca 2018 ultimando os preparativos para a chegada do novo alumnado internacional

A asociación organiza diferentes viaxes e actividades para a integración dos Erasmus

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
DUVI 08/01/2018

Unha experiencia inesquecible como estudantes Erasmus e moitas gañas de axudar ás novas xeracións de alumnado de intercambio son os trazos que comparten as case 30 persoas que forman parte de ESN Vigo, asociación que dende o 2009 traballa a nivel local pola integración das mozas e mozos estranxeiros que cada ano veñen á Universidade. Despois dun outono repleto de viaxes, festas e actividades, esta asociación prepárase para comezar o segundo cuadrimestre cunha axenda tan completa como a do 2017, con novas viaxes e proxectos que irán anunciando cando chegue a nova queda de alumnado internacional que se incorporará ás aulas nas vindeiras semanas.

Para Iago Bastos, actual presidente de ESN Vigo, as actividades que teñen maior éxito entre o alumnado estranxeiro son as gastronómicas, as de ocio nocturno e as turísticas. Entre todas elas, o responsable da asociación destaca a International Dinner, que define como “algo marabilloso, pois os Erasmus cociñan por grupos para o resto dos seus compañeiros e comparten a súa gastronomía”. Tamén lembra as dúas viaxes que se realizaron en setembro e outubro a Salamanca e Sevilla polo alto número de persoas que se inscribiron.

Programa Buddy, SocialErasmus e Erasmus Bank

Pero non todo son viaxes e festas. Outra das tarefas de ESN Vigo consiste en asignarlle ao alumnado de intercambio un titor, xeralmente voluntario da asociación, que se encarga de axudalo nos seus primeiros días de estadía a facer trámites como a búsqueda e o aluguer de vivenda ou a escolla das materias que vai cursar na Universidade. Con este servizo, chamado Programa Buddy, facilítaselle ao ou á estudante a adaptación ao que vai ser a súa casa durante varios meses. Sobre esta iniciativa, a xunta directiva da ESN salienta que “se forma un vínculo moi importante entre titor e alumno ou alumna, o que enriquece a nosa propia experiencia como voluntarios”. De feito, gran parte dos membros da asociación foron estudantes de intercambio de diferentes titulacións nalgún momento da súa formación académica, experiencia que os motivou a implicarse neste proxecto. “Esa riqueza cultural que se recibe durante esta etapa non debe quedar no esquecemento, e con ESN podemos compartir as nosas vivencias cos novos Erasmus”, afirma o presidente.

Ademais, esta asociación tamén conta con proxectos como o Erasmus Bank, onde os estudantes de intercambio poden doar as cousas que lles foron útiles durante a súa estadía no estranxeiro, pero que non levarán consigo na súa volta a casa. Mantas, electrodomésticos ou cubertos son algúns dos útiles que se entregan a ESN Vigo, que os distribúe entre as novas xeracións de Erasmus para así evitarlles algúns gastos adicionais. Así mesmo, a asociación tamén destaca o SocialErasmus, proxecto que para Bastos permite “involucrar ao estudantado nalgunhas causas sociais como a educación, a pobreza e a saúde”, e no que ESN Vigo desenvolve campañas relacionadas coa doazón de sangue e a recollida solidaria de tapóns.

O tándem de idiomas, unha actividade para toda a comunidade universitaria

Máis aló do ámbito Erasmus, a asociación coorganiza actividades das que se pode beneficiar toda a comunidade universitaria. A máis coñecida é o tándem de idiomas, no que se organizan encontros entre o estudantado estranxeiro e a xente local que queira practicar idiomas. Despois de cubrir un formulario que está dispoñible na páxina web de ESN Vigo, a asociación facilítalle á persoa solicitante o contacto doutro participante no tándem que fale o idioma que desexa practicar o interesado ou interesada –o inglés e o francés son as linguas máis solicitadas–. Un dos obxectivos principais da asociación para o segundo cuadrimestre é lograr, segundo Bastos, “que as cifras de participación no tándem medren de xeito considerable”.

Para os membros de ESN Vigo, o que nun principio non era máis que un grupo de amigos e amigas converteuse nunha asociación con moi boa acollida por parte da Universidade e do alumnado Erasmus. “Fomos medrando xuntos, comezando por actividades básicas, pero nestes oito anos tanto ESN Vigo como ESN España expandéronse moito”, afirman dende a xunta directiva.