DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo o informe anual do centro de investigación Economics for Energy presentado en Madrid

España podería converterse en líder mundial de innovación enerxética cambiando as súas políticas públicas

Os aforros do sistema enerxético español poderían ser 70 veces superiores á inversión en I+D

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 11/01/2013
A innovación en enerxía ten importantes beneficios, tanto en termos de aforro no custo do subministro como na creación dun tecido produtivo baseado no coñecemento. Así o resume o catedrático Xavier Labandeira, co-director do centro de investigación Economics for Energy que este venres presentou en Madrid o seu informe anual. Segundo se recolle neste estudo, España podería converterse en líder en innovación enerxética a nivel mundial, sempre que as políticas públicas se reactiven con medidas máis completas, activas e flexibles.

O informe Innovación en energía en España. Análisis y recomendaciones recolle unha exhaustiva diagnose da situación da innovación en enerxía en España, incluíndo unha análise das tecnoloxías nas que o país podería ocupar posicións de liderado mundial. Entre as recomendacións que inclúe este documento no tocante ás políticas públicas destaca o seguimento máis exhaustivo dos proxectos subvencionados, así como incentivos á I+D na regulación do sector eléctrico, mecanismos de apoio aos emprendedores innovadores no sector e unha axenda estratéxica que dea prioridade tecnoloxías polas que apostar.

Este informe é froito do traballo de investigación máis importante realizado no último ano por Economics for Energy en colaboración co Instituto de Investigación Tecnológica da Universidade Pontificia Comillas e o Belfer Center for Science and International Affairs da Harvard Kennedy School. Os resultados foron presentados este venres la Fundación Ramón Areces da man dos directores do centro de investigación, Xavier Labandeira e o profesor da Universidade Pontificia Comillas, Pedro Linares.

Os beneficios da innovación

Segundo explica Xavier Labandeira, “a innovación é fundamental para acadar un sistema enerxético respectuoso co medio ambiente e a un custe asequible pero, sen que baixen estes custes das tecnoloxías limpas, non será posible cumprir estes compromisos”. A I+D+i tradúcese en novas tecnoloxías que permiten afrontar mellor as demandas crecentes de enerxía, diminuíndo a dependencia dos combustibles fósiles, limitando os efectos medioambientais e incrementando a eficiencia. Segundo os expertos que participan neste informe, “os aforros obtidos polo sistema enerxético español poderían supor máis de 70 veces a inversión en I+D para algunhas tecnoloxías”.
Con todo España ocupa unha posición atrasada, porque inviste moito menos ca outros países da contorna. “Nalgúns ámbitos, como renovables por exemplo, a situación é algo mellor”, apunta Lavandeira, “pero en calquera caso fai falta máis transferencia ao sector produtivo, máis explotación comercial da innovación”. A inversión pública española por habitante en I+D en enerxía está por debaixo da media da Unión Europea e é só un 10% da de Xapón. Ademais, en España dedícase á innovación enerxética menos dun 1% do que se gasta en total en enerxía.

A enerxía fotovoltaica, a que presenta mellores perspectivas de aforro

No informe analízase tamén o aforro que o sistema enerxético español podería acadar en tecnoloxía se aumentase a inversión en I+D. “Tomando como referencia o horizonte 2030, en termos de máximo aforro alcanzable destaca a tecnoloxía fotovoltaica, cun potencial recorte dos custes de 8000 millóns de euros, seguida da tecnoloxía de captura e secuestro do CO2, cun aforro posible de 4500 millóns. Os biocombustibles e a enerxía solar acadan niveis de preto de 3000 millóns de euros para as estimacións de máximo aforro, mentres que as centrais de gas e a eólica presentan un potencial máis modesto en comparación, por debaixo dos 1000 millóns.

Recomendacións para as políticas públicas

Ademais de recomendar políticas públicas enerxéticas máis completas, activas e flexibles, o informe destaca a necesidade de realizar unha análise estratéxica das prioridades en innovación que permita identificar as tecnoloxías nas que convén especializarse en España, cun plantexamento flexible que faga posible reconducir o esforzo en función dos resultados. Os autores consideran imprescindibles as achegas de expertos académicos e do mundo empresarial e suxiren a constitución dun órgano de apoio semellante ao Consello de Innovación en Enerxía estadounidense.

No tocante á inversión privada, este documento recolle a necesidade de facer un seguimento exhaustivo da evolución dos proxectos subvencionados para garantir a eficacia da inversión pública. Recomendan tamén fomentar a colaboración público-privada no I+D+i así como aumentar a coordinación entre os diversos axentes a través dun centro de excelencia virtual que concentre os esforzos de centros de investigación, universidades e empresas arredor das tecnoloxías identificadas como prioritarias.

No tocante ás políticas específicas de impulso á innovación, fan fincapé na necesidade de estas estean coordinadas coas políticas enerxéticas e poñen como exemplo as fortes axudas destinadas en España á enerxía fotovoltaica que non se traduciron en innovacións relevantes. Insisten tamén na importancia de ligar o impulso á innovación coa regulación no caso das eléctricas, introducindo incentivos á I+D nos esquemas de remuneración.

Enlace ao resumo executivo do informe:
http://eforenergy.org/docpublicaciones/informes/ResumenE_2012.pdf

Enlace ao informe completo:
http://eforenergy.org/docpublicaciones/informes/Informe_2012.pdf