DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Domingo Jiménez Beltrán, ex director da Axencia Ambiental Europea:

"España está en situación de poder liderar a 3ª Revolución Industrial"

Apuntou na clausura do Ciclo Universium que o estado debería ser esencialmente solar en 2050

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 30/04/2010
Achégase unha terceira revolución industrial que se baseará na abandono dos combustibles fósiles como o petróleo, o carbón e o gas, e os países que dominen esta transición están en posición de liderar o planeta. Esta teoría foi expresada por Domingo Jiménez Beltrán, ex director da Axencia Ambiental Europea na clausura este venres do ciclo de conferencias Universium, e engadiu que España “está en disposición de liderar esta 3ª Revolución Industrial, se estamos onde temos que estar neste proceso de cambio”. Segundo Jiménez Beltrán a opción enerxética de futuro para España para pola enerxía eólica, “no 2050 poderemos ser esencialmente eólicos” e argumentou esta predición explicando que esta opción de futuro debe ser limpa e ter capacidade de sacarnos da crise, para o que existen tres alternativas: o carbón, a enerxía nuclear e as renovables. “España non ten reservas de carbón nin potencial nuclear, polo que nos quedan as enerxías renovables, temos a dispoñibilidade suficiente e, ademais, liberaríamos da actual dependencia enerxética”, explicou.
No tocante aos custes e á inversión necesaria, o relator explicou que “a viabilidade crece cada día e os custes seguirán baixando” pero destacou que unha aposta que ningún goberno se atreve a facer pero que é básica: unha fiscalidade diferente, unha fiscalidade verde. No tocante ao mercado enerxético, se na actualidade o prezo é de entre 7 e 11 céntimos de euro por kw/h, no 2030 será de entre 5 e 8, o que “supón que será máis barato por exemplo que as centrais de carbón”. Así, nese escenario de 2050 que xa marca nas axendas internacionais, debería haber un 80% de descarbonización dos países desenvolvidos e darse unha converxencia entre o estancamento da súa demanda enerxética e a redución das emisións, sendo as renovables o 70% do mix eléctrico.

A necesidade de re-pensalo todo

Segundo o ex director da Axencia Ambiental Europea o reto que se lle presenta ao planeta é o reto do cambio de modelo, de modelo enerxético, social e económico e destacou a necesidade dun pacto de estado “ou máis ben dun pacto de estados” e sinalou a importancia dos pasos dados nos últimos días co Pacto de Zurbano. O cambio é “re-pensar as cidades, as infraestruturas, a forma de traballar” e para todo isto destaca o peso específico que terá a innovación, as universidades e a comunidade científica. Esta importancia ademais xa está contrastada porque segundo Jiménez Beltrán os problemas para avanzar nese cambio de modelo non son tecnolóxicos nin de I+D+i, isto está superado, “estamos en disposición de darlle ás renovables o peso que lles corresponde”, o problema é político, “é do punto de vista cortoplacista, temos o potencial, sabemos como facelo, pero as sociedades non están organizadas para dar o paso, por iso é tan importante unha nova lóxica, re-pensalo todo e camiñar cara a unha ecoinnovación, facer máis con menos, reducir o gasto enerxético”.
Todas estas eivas das sociedades actuais fan que para o experto “aínda que non se dese o cambio climático, habería que cambiar igual o modelo enerxético e de desenvolvemento”. Neste sentido destacou tamén que, ante a inactividade dos gobernos o cambio se está dando de abaixo cara a arriba, as cidades e os cidadáns comezan a dar pasos para ter cidade neutrais, cun balance de emisións cero, respectuosas co medio, que xeran o que consumen, “comprendendo esta revolución enerxética como vector de crecemento”.
Esta é clave para Jiménez Beltrán, estudar as vantaxes competitivas deste cambio, é unha opción para países e para as sociedades de cambiar o seu estatus, o seu modo de vida, porque no futuro “as empresas e industrias non sostibles non serán rendibles, non serán competitivas e non interesará investir nelas”.