DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cuarta edición dos Premios Incuvi-Emprende presentouse en CC da Educación e do Deporte

O espazo idóneo para converter unha idea nunha empresa

O prazo de presentación de proxectos permanecerá aberto ata o 19 de xaneiro

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI 10/12/2014

Ter unha idea susceptible de converterse nun proxecto empresarial e contar coa implicación necesaria para “poñer todos os esforzos no obxectivo de crear un negocio” son os únicos requisitos que se esixen ao alumnado e aos titulados e tituladas nos Premios Incuvi-Emprende. A cuarta edición desta iniciativa dirixida a “fomentar a difusión da cultura emprendedora” e que ofrece aos proxectos premiados a posibilidade de formar parte dunha preincubadora empresarial na que poder converter a súa idea nunha empresa, presentouse este mércores no campus de Pontevedra facendo énfase precisamente no valor da idea. “Non fai falla ter un plan de negocio nin coñecementos do mundo empresarial, o único que se precisa é unha idea e gañas de poñela en práctica, o resto son cousas que veñen despois, e por iso, pódese emprender desde calquera titulación”, destacou nesta presentación a directora da Área de Emprego da Universidade, Adela García-Pintos.

Ata o 19 de xaneiro permanecerá aberto o prazo de presentación de proxectos a estes premios, que ofrecen aos gañadores a posibilidade de entrar a formar parte dunha preincubadora de empresas onde contarán cun espazo físico para desenvolver o seu o seu proxecto durante un ano, sen custo algún para eles, xa que os diferentes patrocinadores dos premios asumen gastos como luz, telefonía ou internet. Pero ademais disporán “dunha gran protección e asesoramento, que lles facilitará o salto ao mercado empresarial”, como destaca García-Pintos. O vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho; a decana de Ciencias da Educación e do Deporte, Francisca Fariña; e a presidente de AJE-Pontevedra, Lucía Pedroso, acompañaron nesta xornada á directora da Área de Emprego na presentación duns premios aos que poden concorrer, tanto de xeito individual como en grupos dun máximo de catro persoas, tanto o alumnado de grao, máster ou doutoramento como persoas tituladas pola Universidade no curso 2011/2012 e posteriores.

Da idea á realidade

As empresas seleccionadas poderán instalarse nos seis espazos dispoñibles campus de Vigo, nos catro da Tecnópole de Ourense e nos dous situados na sede de AJE-Pontevedra. No Espazo Emprendedor desta asociación empresarial, os premiados no campus pontevedrés disporán de dous despachos, grazas a patrocinio de SIGA 98 e do Consorcio Zona Franca, ademais da posibilidade de “recibir asesoramento, formación especializada e axuda á hora de crear o plan de negocio”, como destacou Pedroso. De feito, durante o ano que pasan na sede de AJE, os premiados poden acudir gratuitamente a todas as actividades formativas que promova a asociación, “así como entrar a formar parte dunha rede de emprendedores”, como destacou García-Pintos, que engadiu que aos dous despachos súmase tamén un espazo de coworking, dirixido a aqueles outros “proxectos de calidade” que poidan ser recoñecidos cun accésit, como acontecera con dúas iniciativas na anterior edición.

Nese Espazo Emprendedor medrou precisamente unha iniciativa empresarial impulsada por dous titulados da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Carlos Leirós e Fernando Iglesias, xunto a dous graduados da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Mueve tu vida, un proxecto que hai unhas semanas recibía o Premio Xove Emprendedor de AJE-Pontevedra. Este premio precisamente foi destacado polo vicerreitor do campus como “o mellor reflexo de que o que hai un ano era unha idea agora xa é unha realidade”, para deste xeito convidar ao alumnado a ver o emprendemento “como unha opción pola que pode pasar parte do voso futuro”.

“Emprender é un camiño que sabes onde comeza, pero non nin cando nin onde vai acabar”, engadiu a continuación Carlos Leirós, que se encargou de pechar o acto presentando ao alumnado e profesorado o percorrido de Mueve tu vida tras ser seleccionado na terceira edición dos Incuvi-Emprende. Coa colaboración dun “equipo multidisciplinar”, do que tamén forma parte o profesor da facultade José Luis García Soidán, este grupo de estudantes e titulados traballa no deseño dunha aplicación e dun portal web no que as persoas con diabetes poidan recibir “dunha forma integral e sinxela” unha serie de información que lles permita practicar deporte sen riscos para a súa saúde. Unha idea que, tras medrar na sede de AJE, “onde recibimos moita axuda á hora de elaborar un plan económico e financeiro”, rematará en marzo o seu periplo na preincubadora do campus para trasladarse ata o viveiro de empresas de Zona Franca, grazas ao premio que veñen de obter, coa idea de constituírse xa como empresa e lanzar publicamente unha aplicación que actualmente se atopa en fase de probas.