DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Facultade de Belas Artes acolleu a súa presentación oficial

"Espazodocumental.net" recolle o mapa da realidade da arte contemporánea galega

A publicación está enmarcada no Proxecto-Edición que desenvolven o CGAC, o Marco e a Fundación Luís

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Camino Carballeira DUVI 17/11/2008

Toda realidade ten varias lecturas e, no campo da arte, o Centro Galego de Arte Contemporánea vén de presentar a súa. Fíxoo este luns na Facultade de Belas Artes coa publicación de Espazodocumental.net, unha obra enmarcada no Proxecto-Edición que o CGAC, o Marco e a Fundación Luís Seoane desenvolven desde o 2006. Manuel Olveira, director do CGAC, sinalou que o libro, que atende á cuestión da arte en cinco campos –produción, contexto, formación, diálogos interxeneracionais e visiblidade-, “devolve a imaxe das preocupacións, necesidades e inquedanzas” da arte contemporánea en Galicia. Preséntase como unha lectura “polifónica” xa que en total trinta persoas vencelladas a este mundo achegan a súa visión da situación.
Olveira estivo acompañado na presentación por Chus Martínez e Alberto Valverde e polo decano da Facultade de Belas Artes, Ignacio Barcia, que aproveitou a ocasión para lembrar as boas relacións que existen entre as dúas entidades. Martínez, como coordinadora da obra, considera que o traballo realizado é “un percorrido polas dúas últimas décadas” da arte galega e pode servir como “un corpo ideolóxico importante para seguir traballando” na reflexión sobre o tema. Pola súa parte, Valverde explicou as principales dificultades á hora de crear a base de datos de www.espazodocumental.net, que el mesmo deseñou canda o grupo de investigación DX7 da facultade.

O estado da cuestión da arte en Galicia

Trala presentación do libro abriuse unha mesa redonda na que artistas como Suso Fandiño e Mónica Alonso, Montse Cea, adxunta na dirección da Fundación Granell e o profesor da facultade Xosé Manuel Buxán achegaron as súas impresións sobre o estado da arte en Galicia. Fandiño puxo a nota optimista ao sinalar que a situación pasa por “un bo momento a todos os niveis –publicacións, institucións, artistas…-“ aínda que todavía haxa aspectos nos que traballar. Entre estas eivas destacou “a conexión de galerías, institucións e Universidade e a necesidade dun maior achegamento a Portugal”. Á súa intervención opúxose a de Mónica Alonso, que considerou que o sistema ten os mesmos problemas culturais que hai anos, como “o escaso apoio á produción, a falta de visibilidade dos artistas e a nula proxección exterior da arte galega”. Neste sentido apuntou á “sombra de Arco” como un “paso atrás” na presencia dos creadores galegos fóra da Comunidade Autónoma e insistiu en “buscar outras glorias” máis aló do labor que realizan a Facultade de Belas Artes, o CGAC ou o Marco.
Atendendo a esa necesidade de que o artista dea a coñecer o seu traballo dirixiu Montse Cea a súa exposición. Na súa opinión, o artista debe acadar a formación técnica e académica que ofrecen as facultades “pero tamén prepararse como xestor cultural”. Cea tamén aproveitou para calificar como “cultura de paliativos e de cuotas” o labor cultural das entidades crediticias, das que afirmou que “fan contracultura, e non cultura”. Neste punto, o profesor Buxán amosou o seu acordo con Cea e sinalou como un erro aínda maior o feito de que “a prensa e a crítica non o digan”. Buxán tamén botou man da “xustiza distributiva” para facer pública a necesidade de que “non sexan sempre os mesmos nomes” os que aparezan nas exposicións.