DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pontevedra acolleu o arranque deste congreso internacional, que continúa no CGAC

Especialistas de catro países reflexionan sobre os novos comportamentos da performance en ‘Fugas e Interferencias’

Nas súas oito edicións, presentáronse máis dun cento de estudos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
DUVI Pontevedra 27/10/2023

Doce estudos sobre as conexións da performance con outras disciplinas, a súa pedagoxía ou as súas interaccións co contexto político, realizados por investigadores e investigadoras de universidades de España, Italia, México e Estados Unidos, preséntanse desde a tarde deste xoves e ata este sábado na VIII International Performance Art Conference Fugas e Interferencias. Promovido polo grupo de investigación PE4 Imaxe e Contextos, coa colaboración da Vicerreitoría do campus de Pontevedra e do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), trátase do único congreso académico dedicado especificamente ao estudo da performance que se celebra en España. Faino co obxectivo de promover unha “análise e reflexión sobre os novos comportamentos da arte de acción, tanto desde a práctica artística como desde a reflexión teórica”, como sinalan os seus responsables. Dirixido polo profesor da Facultade de Belas Artes Carlos Tejo e a investigadora e comisaria Marta Pol, Fugas e Interferencias busca “dar visibilidade e soporte teórico a unha práctica que é minoritaria e que queda un pouco á marxe doutras disciplinas”, como sinala Pol. Con esa idea, os estudos seleccionados en cada edición reúnense nunha serie de libros de actas que permitiron, nestes oito anos de traxectoria, reunir as achegas de máis dun centenar de investigadores e investigadoras de diferentes países. 

A continuidade acadada por este foro académico e á súa contribución á xerar un corpus teórico sobre performance foron dúas das cuestións que Tejo e Pol puxeron de relevo no acto inaugural desta edición. Este tivo lugar na na tarde do xoves na sede da Vicerreitoría e completouse coas intervencións da directora da Área do Campus de Especialización Crea, Ana Belén Fernández Souto, e do vicedecano de Cultura de Belas Artes, Ignacio Pérez-Jofre. Na mañá deste venres, o congreso trasladouse ao CGAC, en Santiago, coa participación do seu director, Santiago Olmo, na presentación da xornada.

Da análise teórica á práctica

“Outro aspecto que nos parecía relevante á hora de artellar este congreso era darlle unha dimensión práctica a este corpus teórico”, sinala Tejo. Por ese motivo, as conferencias e mesas vense complementadas por performances como as levadas a cabo por estudantes da materia Proxectos de arte de acción, do Grao en Belas Artes, no peche da primeira xornada. Nelas, Elvira Sánchez formulou unha “metáfora do que supón o trastorno obsesivo compulsivo”, mentres que Taro presentou unha acción “dun carácter máis introspectivo, na que está reflectindo un proceso ambiguo de limpeza persoal” e Ana Allegue articulou unha “performance sobre o tempo na propia performance”, como sinala Tejo. 

Por outra banda, na tarde deste venres o CGAC acollerá a performance Sintagma y corriente, na que o artista e performer galego Javier Martín “proporanos un mapa de movementos”, a partir das pezas musicais interpretadas pola pianista xaponesa Haruna Takebe.

Da pedagoxía da performance á súa conservación

Na tarde do xoves, a Casa das Campás acolleu tamén a primeira das cinco mesas de presentación de comunicacións que articulan o programa do congreso, a primeira que Fugas e Interferencias dedicaba á pedagoxía da performance, “unha actividade que presenta grandes dificultades”, como destaca Tejo, quen lembra como moitos dos relatorios deste foro teñen achegado “novas vías para desenvolver unha pedagoxía da performance heteroxénea e máis acorde cos tempos”. 

Nas xornadas de venres e sábado, as diferentes mesas veranse complementadas no CGAC por dúas conferencias. A primeira delas, a cargo do investigador da Cátedra Internacional José Saramago da UVigo Alberto Valverde, permite, como sinala Tejo, “rescatar un episodio da proto-performance en Galicia que ten sumo interese”, como é a traxectoria do grupo Rompente, liderado por Antón Reixa. Xa este sábado, a segunda das conferencias plenarias porá o foco “en como arquivar e preservar a performance”, un aspecto clave para o estudo desta disciplina de carácter efémero, da man da responsable da Colección de Artes Performativas e Intermedia do Museo Reina Sofía, Lola Hinojosa.