DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun proxecto de investigación que desenvolve en Pontevedra o seu seminario de peche

Especialistas de catro universidades definen o mapa de prioridades para unha educación máis inclusiva

Expertos de Oxford e Edimburgo participan tamén na análise das primeiras conclusións

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Diversidade
  • Divulgación
  • Investigación
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 14/06/2023

Rematar coa “falta de clarificación” do concepto de inclusión, que debe ser entendida como “unha educación igual para todos, sen discriminacións”, dotar ás escolas de máis recursos humanos e materiais, desenvolver un plan de formación do profesorado ou promover que a inclusión educativa sexa entendida como unha “responsabilidade colectiva”. Estas son, como sinala a catedrática da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Ángeles Parrilla, algunhas das ideas que se reúnen no “mapa de prioridades” para o fomento dunha educación inclusiva no que traballan docentes de catro universidades españolas, no marco dun proxecto de investigación financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación e coordinado pola Universidade de Vigo. 

¿Qué estamos olvidando en la educación inclusiva? é o título da investigación que nestes días desenvolve na sede da Vicerreitoría do campus de Pontevedra o seu seminario de peche, coa participación de máis de trinta investigadores e investigadoras das catro universidades que tomaron parte neste proxecto coordinado. Con Parrilla, responsable do grupo Cies (Cooperación en Investigación para a Equidade Educativa e Social), como investigadora principal, neste traballo participaron tamén investigadores e investigadoras das universidades de Cantabria, Murcia e Sevilla, baixo a coordinación de Teresa Susinos, Pilar Arnaiz e Carmen Gallego, respectivamente. 

“O obxectivo xeral do proxecto é a busca de respostas ás desigualdades e á exclusión educativa a través dunha análise multivocal e multinivel das políticas e prácticas educativas”, sinala Parrilla, que explica que o propósito deste seminario, no que participan tamén investigadores das universidades británicas de Oxford e Edimburgo, é xerar un debate conxunto en torno ás prioridades recollidas polos diferentes equipos de traballo. Da man destas catro universidades, Galicia, Andalucía, Murcia, Cantabria e Euskadi foron o obxecto de análise dun proxecto que, en primeiro termo, abrangueu un “estudo descritivo” centrado nas “políticas educativas de inclusión e exclusión”, que abrangueu a análise de lexislación, bases de datos e informes de diferentes asociacoóns e organismos. Tras esta primeira fase, que permitiu detectar, recoñece Parrilla, que sería precisa “unha maior transparencia nos datos”, levouse a cabo unha fase de “escoita” a diferentes axentes, a través da realización de máis de 200 entrevistas a familias, persoal directivo dos centros, políticos do ámbito local, profesorado titor, profesorado especialista, orientadores, asociacións e estudantes. Nun proceso de investigación “participativo”, estas entrevistas empregaron como punto de partida “unha serie de documentos”, dirixidos a xerar unha reflexión previa nas e nos participantes. As súas achegas permitiron xerar uns “informes colaborativos”, que sumados aos informes técnicos da fase previa permiten definir ese mapa de accións prioritarias contra a exclusión educativa que nestes días analizan na Casa das Campás.

Da definición da inclusión á necesidade de máis recursos

Articulado en torno a unha serie de indicadores previamente definidos polo equipo investigador, neste mapa de prioridades reúnense un conxunto de medidas e accións dirixidas a xerar un sistema educativo máis inclusivo, un ámbito no que, recoñecen, hai aínda “un longo camiño por percorrer”. No eido das políticas fronte á exclusión, por exemplo, poñen o foco na necesidade dunha “unidade no armazón conceptual”, posto que, como explica Parrilla, este non só varía entre as diferentes autonomías analizadas, senón mesmo dentro dunha mesma comunidade. “As leis falan de cousas distintas, pese a que se refiren ao mesmo”, recoñece a catedrática, que incide en que existe unha “falta de clarificación e de unidade sobre o propio concepto de inclusión educativa”, que debe sustentarse na idea dunha “educación igual para todos”. Neste mesmo ámbito, o mapa de prioridades pon o foco na necesidade de desenvolver políticas, que requiren de maior financiamento e formación do profesorado, e que estas sexan “de obrigado cumprimento”, posto que, como subliña Parrilla, “se a inclusión é un principio reitor da política educativa, non pode ser que ese principio non se cumpra e non pase nada”, de tal xeito que, como lembra, aínda existan nenos e nenas formándose en “modalidades alternativas ou segregadas”. 

Neste ámbito, sinálase tamén a importancia de “redefinir a participación dos profesionais e institucións”, de implicar tamén a outros axentes educativos e de realizar un seguimento das medidas implantadas. Por outra banda, as conclusións provisionais poñen tamén o foco en que “fan falta máis recursos, tanto materiais como persoais", pero tamén en que “hai que utilizar dunha maneira máis creativa os que xa se teñen”. Nesta mesma liña, outro dos bloques de análise centrouse na necesidade de profesionais e estruturas de apoio e reforzo, así como de desenvolver “estratexias e proxectos que axuden á permanencia do alumnado no sistema educativo”. 

No referido ao profesorado, o equipo investigador subliña a necesidade de “deseñar un plan de formación que verdadeiramente responda ao desafío de garantir unha educación inclusiva”, explica Parrilla, así como na importancia de “capacitar os docentes”, pero tamén ao resto do persoal dos centros de ensino. En relación a este punto, o proxecto pon o foco na importancia de crear “unha cultura de responsabilidade colectiva”, de tal xeito que “a inclusión non se entenda como algo que depende de determinados profesores ou centros”, senón do conxunto da sociedade. Neste ámbito, avógase tamén pola creación de estruturas de cooperación e redes e aprendizaxe, así como polo impulso de proxectos “de transformación educativa e social” conectados coa contorna. 

Abandono da “estigmatización”

No referido á avaliación psicopedagóxica, a análise realizada mostra un “grande acordo en que o modelo de avaliación e diagnose é moi etiquetante”, o que conecta á súa vez cun dos “problemas” da inclusión, “que esta céntrase moito en necesidades educativas especiais, cando realmente fai referencia a todo”, sostén Parrilla. Así pois, neste punto apóstase polo “abandono dos procesos de clasificación de estigmatización do alumnado”, xa que as aprendizaxes nas aulas “deberían estar pensadas para todo o alumnado e non sobre a idea dun grupo homoxéneo”. 

Por último, no referido á escolarización temperá, este grupo de investigadores e investigadoras defende a necesidade de “revisar o modelo de aulas” na primeira etapa de educación infantil, así como a formación das e dos profesionais “para que sexa máis inclusiva e tamén máis educativa”, explica Parrilla. 

Tres días de análise

Este primer mapa de prioridades debátese nestes días nun seminario internacional que arrancou na tarde deste martes coa participación dos investigadores das universidades de Oxford e Edimburgo Harry Daniels, Gillean McCluskey e Ian Thompson, que presentaron o proxecto sobre exclusión educativa que desenvolven actualmente no Reino Unido. “A nosa idea é utilizar ese traballo como marco de reflexión e de pensamento”, sinala Parrilla respecto do arranque dunhas xornadas que continúan este mércores coa posta en común dos primeiros resultados, completada esta tarde cunha sesión sobre políticas inclusivas, aberta a alumnado e persoal investigador. Promovida coa colaboración da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, esta actividade permitirá coñecer as políticas en materia de inclusión promovidas en Escocia e Portugal, da man de McCluskey e da profesora do Instituto Politécnico do Porto Manuela Sánchez Ferreira. Por último, este xoves terá lugar unha mesa presentación dos “microproxectos” que se están a desenvolver en cada unha das sedes deste proxecto coordinado, tomando como punto de partida ese “mapa de prioridades”.