DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A actividade está organizada polos profesores Rafael Fernández e Patricia Valcárcel

Especialistas en dereito urbanístico analizan a nova lexislación galega nunhas xornadas

A nova Lei 2/2010 dota de maior seguridade xurídica ao tráfico inmobiliario, entre outras novidades

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Raquel Feijóo DUVI 03/06/2010

Asegura o alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez, que a ordenación urbanística é, xunto coa crise, “un dos asuntos que máis preocupa e importa aos que dende a responsabilidade pública intervimos no complexo crebacabezas do urbanismo moderno” e, nesta liña de declaracións, defende a necesidade de reflexionar sobre “a complexa estrutura xurídico-empresarial sobre a que construímos as nosas cidades utilizando un marco normativo claro en materia de urbanismo e de ordenación do territorio”.
Para dar resposta a todas estas cuestións formuladas dende o mundo político pero tamén dende as estruturas académicas e empresariais os profesores de Dereito Administrativo da Universidade de Vigo, Rafael Fernández e Patricia Valcárcel, veñen de pór en marcha unhas xornadas que teñen por obxecto analizar a nova ordenación urbanística de Galicia despois da entrada en vigor da Lei 2/2010 de 25 de marzo, de medidas urxentes de modificación da lei 9/2002 de 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia. As xornadas foron inauguradas este xoves na Fundación Caixa Galicia e no transcurso dun acto presidido por Emilio Atrio, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, que fixo un minucioso repaso polas principais novidades que presenta a lexislación ao terse modificado 48 artigos da anterior lei 9/2002 así como varias disposicións. Entre estas o decano do Colexio de Avogados, Arturo González, subliñou como a máis importante a articulación dunha serie de medidas que pretenden dotar de maior seguridade xurídica e estabilidade ao tráfico inmobiliario, “en especial en materia de edificios fóra de ordenación e de determinadas tipoloxías de edificacións sen licenza”, declarou.

Unha demanda formativa dos alumnos de Dereito

O profesor Rafael Fernández explicou na súa intervención que a organización destas xornadas responde á petición do alumnado do Máster en Dereito Urbanístico e do Medio Ambiente (DUMA), da Facultade de Dereito, “interesados por coñecer a nova regulación urbanística galega unha vez que finalizaron o módulo de urbanismo do mestrado”, afirmou. Unhas declaracións compartidas pola tamén profesora Patricia Valcárcel, que asegurou que estas xornadas “tentan cubrir esa lagoa formativa afondando nos aspectos máis relevantes da lexislación da man de grandes especialistas na materia”.
Nas xornadas participan ao redor de 70 persoas, a maioría estudantes do DUMA pero tamén avogados, arquitectos, funcionarios de Concellos e público en xeral interesados por coñecer en profundidade as novidades introducidas na regulación urbanística galega. Polo que respecta aos relatores, Rafael Fernández asegura que se trata dos “mellores especialistas en dereito urbanístico de Galicia, moitos deles profesores tamén do DUMA que obtiveron en todas as súas edicións unha magnífica cualificación por parte dos alumnos e alumnas do mestrado”.

Unha programación que segue as innovacións da lei

O primeiro relatorio do programa correu a cargo de Manuel Antonio Crespo, profesor de Dereito Administrativo da Universidade de Vigo, que falou da regulación dos instrumentos de planeamento urbanístico despois da Lei 2/2010, nunha intervención moderada por Áurea Soto, concelleira de Urbanismo do Concello de Ourense. Foi o comezo dunha programación baseada nas catro principais innovacións normativas que introduce esta lei e sinaladas polo decano do Colexio de Avogados, Arturo González, na súa intervención. En primeiro lugar as reformas en materia de aprobación de plans urbanísticos, “con maiores competencias municipais, a simplificación de trámites e prazos máis reducidos o que levará consigo unha maior flexibilidade e axilidade neste ámbito”. En segundo lugar o procedemento de avaliación ambiental estratéxica pasa a formar parte do contido dos instrumentos de ordenación do territorio e do planeamento urbanístico, “que ven reforzados os seus aspectos ambientais”. Dótase dun novo estatuto ao solo rústico e de núcleo rural “a efectos de lograr unha maior eficacia na súa xestión” e articúlanse unha serie de medidas que pretenden dotar de maior seguridade xurídica e estabilidade ao tráfico inmobiliario.
As xornadas continúan o seu desenvolvemento este venres cun intenso programa de relatorios e táboas redondas que se prolongará dende as 09.30 horas ata ben entrada a tardiña e nos que se abordarán cuestións como a clasificación e o uso do solo e a reposición da legalidade urbanística, entre outros aspectos de interese.