DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ante o impacto da dixitalización dos procesos e a chegada da Intelixencia Artificial

Especialistas de España e Portugal abordan en Vigo os retos do sistema xudicial en materia de familia e sucesións

A gran preocupación é que o uso da tecnoloxía axude a conseguir unha xustiza máis accesible

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Divulgación
  • Investigación
D. Besadío DUVI 09/11/2023

Analizar a problemática á que se enfronta o sistema de xustiza en materia de familia e sucesións ante a transformación tecnolóxica e dixital. Esté o principal obxectivo co que este xoves arrancou en Vigo o II Congreso Ibérico de Dereito de Familia e Sucesións: retos substantivos e procesuais anta unha nova realidade tecnolóxica, unha cita que reúne na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo a 65 participantes, entre os que figuran avogados e avogadas en exercicio, o alumnado do Programa de doutoramento Xestión e Resolución de conflitos, familia, menores e xustiza terapéutica, e persoal investigador de diferentes universidades españolas, portuguesas e latinoamericanas.

“Imos abordar o impacto desta nova realidade tecnolóxica nos procesos de familia, a dixitalización dos procesos e a posibilidade de facer uso da intelixencia artificial, analizando tamén a súa repercusión en materia de sucesións e todo o debate existente en relación coa familia e a protección hereditaria dixital”, explicou a catedrática da Universidade de Vigo Esther Pillado, codirectora do congreso, xunto coa tamén catedrática de Dereito Procesual, neste caso da Universidad Nacional de Educación a Distancia, UNED, Sonia Calaza. Pillado foi a encargada de inaugurar o encontro, xunto co decano da facultade, Francisco Torres, quen lle agradeceu á organización a elección desta facultade como sede do congreso.

Na busca dunha sistema máis accesible ás persoas máis vulnerables

Ao longo de dous días, hoxe xoves e mañá venres, afondarase desde diferentes perspectivas nos distintos retos a nivel social de temas de tanta actualidade como a xestación subrogada ou o anonimato do doante de gametos na reprodución asistida. “Todos estes temas trataranse a través de conferencias e mesas redondas nas que participan expertos e expertas de universidades españolas e portuguesas e profesionais da xustiza”, recalcou Pillado.

O congreso conta cun programa que aborda cuestións de actualidade tanto en España como en Portugal, o que, a xuízo das súas organizadoras, permitirá a “aproximación, debate e comparación” entre as distintas regulacións e experiencias de ambos países, dando unha visión global ante esta realidade tecnolóxica nos diferentes sistemas de xustiza. “Sen dúbida unha das nosas preocupacións é que o uso da tecnoloxía nos leve a un sistema de xustiza máis eficiente e eficaz e tamén máis accesible aos cidadáns, sobre todo aos máis vulnerables, nenos, nenas, adolescentes, persoas con discapacidade e persoas maiores, e, por tanto, máis equitativo”, explicou Pillado.

Encontro anual que arrancou en 2022 en Braga

A celebración en Vigo deste congreso xurde froito da colaboración entre o grupo de investigación de Dereito Procesual da Universidade de Vigo, liderado pola profesora Pillado, co seu homólogo na UNED, dirixido por Calaza. Todos os anos acostuman celebrar un congreso sobre  cuestións de actualidade relativas  ao dereito e proceso de familia e este ano integraron á comunidade investigadora portuguesa, con quen levan anos colaborando. Froito desta colaboración xurdiu o I Congreso Ibérico de Dereito de Familia e Sucesións, centrado nesa ocasión nas relacións persoais, familiares e sucesorias, que se celebrou en maio de 2022 na Escola de Dereito da Universidade do Minho, en Braga. Alí mesmo, debido ao éxito do encontro, Esther Pillado asumiu o compromiso de organizar a segunda edición do congreso na UVigo, co obxectivo de achegar e seguir xerando sinerxías entre as dúas universidades e integrando a outras institucións de ensino superior portuguesas (Lisboa, Coimbra, Porto, Católica Portuguesa...).

1ª mesa redonda centrada nos dereitos dos nenos e adolescentes 

Tras a inauguración a primeira mesa redonda centrouse en analizar os dereitos dos nenos, nenas e adolescentes na sociedade actual. Participaron a profesora da Universidade de Vigo Lydia Noriega, que afondou na desinstitucionalización do menor; Patricia Borges, da Universidade do Minho, que tratou o tema dos dereitos dos menores no ámbito deportivo; Almudena Gallardo, da Universidad de Salamanca, que achegou aos asistentes a temática dos dereitos dixitais dos menores de idade, e Rosa Borges, da Universidade de Coimbra, que fixo referencia ao dereito de participación de cativos e adolescentes.