DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun congreso internacional centrado no papel de viaxeiros, pioneiros e coleccionistas europeos

Especialistas de España e Portugal afondan no campus no coñecemento do antigo Oriente Próximo e do Exipto faraónico

A actividade desenvólvese este xoves e venres na Facultade de Historia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Ourense 19/10/2023

A Facultade de Historia do campus de Ourense acolle este xoves e venres a celebración do II Congreso Internacional Antigüidades de Oriente Próximo e Exipto. Viaxeiros, pioneiros e coleccionistas europeos. A actividade está organizada polo Centro de Estudios del Próximo Oriente, a Sociedade Luso-Galega de Estudos Mesopotámicos e o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo e nela participa arredor dunha trintena de especialistas da península ibérica, tanto do ámbito universitario como museístico.

O congreso foi inaugurado por Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense; Julio Prada, decano da Facultade de Historia, estando por parte da organización Susana Reboreda, investigadora do GEAAT e profesora da Universidade de Vigo, e Juan Luis Montero, profesor da Universidade da Coruña. Nas súas palabras destacaron a boa acollida desta iniciativa e a importancia, tal e como subliñou Julio Prada, de "tender pontes culturais entre Oriente e Occidente". Juan Luis Montero salientou en nome da organización que este encontro “abre perspectivas ao coñecemento dun mundo afastado pero moi próximo á vez”, facendo fincapé en como “é fundamental recuperar aos pioneiros, aos mestres, a eses viaxeiros que nos abriron camiño” no coñecemento da antigüidade en Oriente Próximo e Exipto. Apuntando que se trata dun campo de estudo minoritario en España, recalcou igualmente a necesidade de dar a coñecer o traballo de investigación que se fai nel xa que “estamos a falar das orixes da civilización, algo que é moi necesario coñecer nun mundo cada vez máis complexo” como o actual. Tendo en conta que a temática do congreso refírese ao Próximo Oriente, tras a súa apertura gardouse un minuto de silencio “en recordo de todas as vítimas do conflito que actualmente arrasa lamentablemente Palestina e Israel”.

Viaxeiros, coleccionistas e pioneiros

Ao longo dos dous días de actividade, no congreso presentaranse estudos e traballos de investigación referidos a viaxeiros, coleccionistas e pioneiros que, entre os séculos XVI e XX, contribuíron ao desenvolvemento do coñecemento do Próximo Oriente antigo e do Exipto faraónico. A conferencia inaugural correu a cargo de José Eduardo López Pereira, catedrático de Filoloxía Latina da Universidade da Coruña, e levou por título Da viaxe como relato literario á viaxe como peregrinación. Nela fixo un repaso polas “descricións literarias, reais e ficticias, desde a antiga Grecia para rematar con dous dos relatos de viaxes de peregrinación máis representativos da cultura de Occidente: Egeria e a Guía do Peregrino do Códice Calixtino".

No congreso falarase, entre outros moitos temas, de Adolfo Rivadeneyra, vicecónsul en Teherán en 1874; do carmelita Pedro de la Madre de Dios e a arqueóloga  Beatriz de Cardi, no Golfo Pérsico; de Jane Dieulafoy e as súas viaxes Oriente-Occidente; de Claude F.-A. Schaeffer e as primeiras escavacións en Ras Shamra (1929-1939); do arqueólogo Jean-Claude Margueron e da paixón pola exiptoloxía de Amelia Blanford Edwards e Emily Paterson, de Richard Pococke e de David Roberts. Tamén haberá intervencións sobre cuestións tan diversas como os selos mesopotámicos e a colección de plantas bíblicas do Museu de Montserrat e a colección exipcio-nubia do Museo Arqueolóxico da Coruña. Igualmente, haberá achegas de especialistas lusos, nas que se poderá afondar, por exemplo, no coñecemento do coleccionista Elias Ashmole e nas antigüidades de Oriente Próximo e de Exipto no Boletim da Real Associação dos Arquitectos Civis e Arqueólogos Portugueses.