DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Mensaxe de estado

O próximo mércores día 26 de xaneiro o portal estará fóra de servizo entre as 08:30 e as 09:30 debido a unha intervención programada

‘Fugas e interferencias’ desenvolverase do 28 ao 30 de novembro en Pontevedra e Santiago

Especialistas internacionais impulsarán nun congreso unha reflexión académica sobre a performance

Coa participación de investigadores de España, Portugal, Estados Unidos e México

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Internacional
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 20/11/2019

“A performance está deixando ese recuncho inmobilista e periférico para formar parte cada día máis das programacións de moitos museos e ter pouco a pouco máis visibilidade que anos atrás, pero na reflexión teórica queda moito por facer”. Deste xeito presentou o profesor da Facultade de Belas Artes Carlos Tejo o obxectivo central da IV Congreso Internacional de Arte de Acción Fugas e Interferencias, “crear unha masa crítica de estudo académico” arredor desta disciplina. Organizado pola Universidade de Vigo, o que é único foro académico centrado no ámbito da arte de acción que se desenvolve en España celebrará a súa cuarta edición entre o 28 e o 30 de novembro na sede da Vicerreitoría do campus e no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), en Santiago. 

A presentación de 18 comunicacións, por parte investigadores e investigadoras de diferentes universidades de España, Estados Unidos e Portugal, tres conferencias e unha serie de performances integran o programa deste evento, dirixido por Tejo e a crítica de arte Marta Pol. A sede da Vicerreitoría, na mañá do xoves 28, e o CGAC, no resto das xornadas, serán de novo as dúas sedes “do único congreso neste campo que se fai no mundo académico español e un dos poucos que hai en Europa”, salientou Tejo na presentación deste evento na sede da Vicerreitoría. “É un proxecto moi amplo e moi esixente”, engadiu o director da Área de Dinamización Cultural, Educativa e de Integración do campus, Manuel Morquecho, quen salientou tamén que o obxectivo fundamental de Fugas e Interferencias é promover esa reflexión “sobre os novos comportamentos da arte de acción”, tanto desde unha perspectiva práctica como teórica.

Seis mesas, tres eixos de análise

Tras recibir neste ano “moitísimas comunicacións”, un comité científico integrado por expertos e expertas de España, Polonia, Arxentina e Alemaña seleccionou as 18 comunicacións que se defenderán nas seis mesas do congreso, nas que participarán tanto por diferentes investigadores e investigadoras da Universidade de Vigo, como doutras institucións académicas españolas, así como das universidades estadounidenses de California e Texas e da Universidade do Porto. “Pouco a pouco, consolídase o carácter internacional do congreso”, salientou Tejo, que explicou que estas mesas estruturarán o debate en torno a tres eixos. Por unha banda, “a arte de acción e as súas interseccións, xa que nos parece interesante analizar como a performance se mestura con outras prácticas como pode ser o vídeo ou a arte sonora”. Outras dúas mesas, explicou Tejo, “indagarán na arte de acción desde unha perspectiva de xénero, teoría e arte feminista ou queer, que é tamén unha parte importante do congreso e na que recibimos moitas propostas”, mentres que o terceiro eixo será a propia reflexión teórica sobre a performance. 

O programa do congreso inclúe tamén tres conferencias plenarias, a primeira delas, na tarde do xoves 28, a cargo de Pancho López, “un artista e crítico de performance mexicano”, que proporá un percorrido sobre o panorama da performance contemporánea en México, “que é moi rico e variado”. Xa o venres, o crítico e profesor da Universitat Politécnica de Valencia Juan Vicente Aliaga falará “das prácticas artísticas transfeministas no estado español no século XXI” e nesa mesma xornada, o crítico de arte e especialista en performance Jorge Luís Marzo impartirá unha conferencia titulada A arte da camuflaxe.

Da teoría á práctica

Fugas e interferencias complétase cunha programación de performances que abrirá, o xoves 28 na Vicerreitoría, un grupo de alumnas que cursan na Facultade de Belas Artes a materia Proxectos de arte de acción. Xa no CGAC, Pancho López protagonizará, o venres, unha acción titulada O amor é unha doce mentira, mentres que o sábado terá lugar En garde, unha acción a cargo de Sangra&Loro, integrado por dous ex-alumnos da facultade, Lois Búa e Sandra Varela. “Intentamos programar performances que completan a programación mesturando sempre a artistas coñecidos e noveis”, salientou Tejo, quen destacou nese senso o interesante de “aproveitar a canteira que temos en Belas Artes”.

O “caldo de cultivo” que supuxo a facultade, xunto a iniciativas previas como festival Chámalle X, resultaron tamén determinantes, lembrou, para que Pontevedra sexa un dos “focos importantes da performance en España”, xunto con Valencia, que é onde naceu, da man de diferentes colectivos, o festival de performance mínimas urbanas en vídeo Cuerpo urbano en acción, que “presentarase por primeira vez en Galicia” no marco deste congreso.