DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco do III Congreso Galego de Medio Ambiente e Saúde que comeza o luns

Especialistas en medio ambiente defenderán a necesidade dun desenvolvemento sostible

Coa colaboración da Vicerreitoría do campus e coa participación de profesores da Universidade de Vig

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Raquel Feijóo DUVI 06/04/2010

O medio ambiente é un condicionante do benestar social, sanitario e económico dunha comunidade. Sen embargo nos últimos tempos a industrialización e a urbanización xeraron problemas ambientais de primeira orde como o efecto invernadoiro, o cambio climático, a destrución da capa de ozono e a desertización que non só é preciso corrixir senón tamén, como defende Francisco José Peña Castiñeira, profesor de Medio Ambiente e Saúde na Universidade Politécnica de Madrid e académico da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia, “evitar que as actividades futuras orixinen máis deterioro a través dunha política preventiva que permita un desenvolvemento sostido e equilibrado e teña como obxectivos a protección da saúde do home e a conservación de todos os recursos que condicionan e sustentan a vida”.
Un total de 40 relatores de recoñecido prestixio procedentes tanto do ámbito académico como de organismos públicos e privados afondarán nesta temática no III Congreso Galego de Medio Ambiente e Saúde, unha iniciativa dirixida polo profesor Peña Castiñeira que se desenvolverá durante os días 12 a 16 de abril no Centro Cultural da Deputación e que conta coa colaboración da Vicerreitoría do campus. Contribuír ao desenvolvemento sostible de Galicia e mellorar a xestión nos aspectos ambientais da saúde dos seus municipios e as condicións de vida urbana da cidadanía son os obxectivos principais que persegue este foro de debate ambiental.

Relatores da Universidade de Vigo no congreso

O título do congreso xunta os termos de medio ambiente e saúde por existir unha forte conexión entre estas dúas temáticas. Peña Castiñeira fai especial fincapé nesta liña argumental e defende “a imposibilidade dun desenvolvemento sen contar co medio ambiente porque a súa protección e o crecemento económico e social son tres piares inseparables do desenvolvemento sostible”. Entre os relatores que intervirán no congreso hai tamén especialistas que traballan na Universidade de Vigo, entre os que destaca o catedrático Luis Espada Recarey que presidirá unha sesión plenaria sobre Modelo enerxético sostible, calidade do aire e loita contra o cambio climático o día 12 de abril. O profesor Francisco Alonso Fernández, xefe tamén do servizo territorial da zona Galicia Sur de Augas de Galicia da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, pronunciará un relatorio sobre os Plans de Actuación de Augas de Galicia o 13 de abril. Nesa mesma xornada o ex-profesor da institución académica, Luis Rodríguez Míguez, académico numerario da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia falará da Posta en valor do termalismo e das augas minero-medicinais como fonte de saúde. Outro poñente da Universidade de Vigo no congreso é Juan Carlos Mejuto, catedrático de Química Física da Facultade de Ciencias do campus de Ourense, que presidirá a cuarta sesión plenaria sobre A empresa ante o reto ambiental do século XXI cara á sostibilidade de Galicia o 15 de abril.

100 prazas que se cubrirán por orde de inscrición

O III Congreso Galego de Medio Ambiente e Saúde está especialmente dirixido aos técnicos, funcionarios, responsables políticos, profesorado e estudantes universitarios e dos ciclos formativos relacionados coas áreas obxecto de estudo. O prazo de inscrición para as 100 prazas existentes remata o día 8 de abril cunha cota que ascende a 30 euros, un prezo que os organizadores do evento cualifican de "simbólico" polo nivel e calidade da iniciativa. As xornadas constan de 30 horas lectivas e o alumnado que participe con regularidade nas sesións programadas recibirá un diploma acreditativo de asistencia e poderá solicitar dous créditos de libre configuración. Así mesmo entregarase aos asistentes un maletín coa publicación do libro de relatorios e material didáctico diverso.